quinta-feira, 21 de janeiro de 2016

O Concello de Tui celebrará o desfile-concurso de Entroido o luns 8 de febreiro

A inscrición farase no Rexistro de Entrada o xoves 21 e o venres 22 de xaneiro
O Concello de Tui vén de facer públicas as bases para participar no Desfile-concurso de Entroido que se celebrará na cidade o luns, 8 de febreiro.   Precisamente a celebración en luns é unha das novidades que presenta este ano a convocatoria xunto á valoración no premio xeral da “actualidade” das propostas a concurso. 
Poderán participar tanto grupos coma a comparsas que presentar no Rexistro de Entrada da Casa do Concello de Tui o impreso normalizando o xoves 21 e o venres 22 deste mes de xaneiro en horario de 9 a 14h. Establécese un límite de participación a 18 comparsas e a 3 grupos, por orde de inscrición, coa salvidade de que non quedará fóra ningún grupo ou comparsa de Tui. 
Os grupos deben ter un mínimo de 12 integrantes e un máximo de 20. Mentres as comparsas deben estar compostas por un mínimo de 25 persoas disfrazadas. 
O desfile-concurso celebrarase o luns, 8 de febreiro, ás 17.30h no circuíto establecido polas rúas Casal Aboy, Compostela, Betanzos, Irmáns Maristas, Ourense e A Guarda. En caso de choiva aprazaríase para o sábado 13 ás 17.30h. Amais o domingo 14 ás 19.30h sairá da Praza de San Fernando o Enterro do Bacallau no que deben participar os grupos e comparsas inscritos de rigoroso loito para poder facer efectivos os premios do concurso e as compensacións económicas.
Así segundo o establecido nas bases desta actividade as comparsas tudense percibirán pola súa participación 250€ e 500€ se van acompañas de carroza, cifras que no caso de comparsas de fóra do municipio será de 125€ e 250€. No caso dos grupo os de Tui recibirán 100€ e 200€ se levan carroza, e os doutros concellos 20€ e 100€ respectivamente. 
En canto aos premios establécense sete premios na categoría xeral na que o xurado valorará actualidade, vestiario, parodia, acompañamento musical e carroza. A contía dos premios oscilará entre os 700€ do primeiro clasificado e os 100 que percibirá o sétimo. En carrozas hai sete premios que oscilan entre 400€ e os 50€. Mentres en acompañamento musical establécense catro premios de 250€, 150€, 100 e 50€ e un en Fantasía dotado con 250€. 
As bases completas do desfile-concurso poden consultarse da web www.concellotui.org, e no taboleiro de anuncios do Concello de Tui e no departamento de Secretaría. 

Sem comentários:

Enviar um comentário