Na última década pasouse de 2.500 a 13.800 camiñantes que partiron da cidade. Os peregrinos representan o 29% das 28 mil consultas recibidas na Oficina Municipal de Turismo de Tui
Tui foi en 2015 o segundo punto a nivel nacional de saída de peregrinos cara Santiago de Compostela despois de Sarria. O ano pasado foron 13.799 as persoas que partiron de Tui cara Compostela segundo os datos da Oficina de Acollida ao Peregrino. Esta cifra supón 2.200 persoas máis que en 2014. Nos últimos anos o Camiño de Portugués a Santiago ten rexistrado un notable incremento no número de camiñantes, e Tui, coma punto de entrada a Galicia deste traxecto ten experimentado un notable auxe pasando do décimo posto en 2005 con 2.533 peregrinos, o 2.70% do total, aos case 13.800 do ano pasado, que supuxeron o 5,26% do total
Parte dos peregrinos que realizan o Camiño Portugués a Santiago achéganse ata a Oficina Municipal de Tui situada na Praza de San Fernando. Durante o 2015, entre os meses abril e decembro en que estivo aberta, esta Oficina atendeu a máis de 28 mil persoas. Deste total 19.883 foron turistas e 8.199 peregrinos, estes últimos representan o 29% das consultas. No que a turistas se refire a meirande parte deles, 17.989 eran españois principalmente de Madrid, Barcelona, Valencia e Vizcaya, mentres que os 1.894 restantes procedían de ata 46 países, sendo os máis numerosos de Portugal, Francia, Reino Unido e Alemaña. Mentres demandaron información 5.478 peregrinos estranxeiros de ata 64 nacionalidades, maioritariamente de Portugal, Alemaña, Italia e Reino Unido. Tamén 2.721 peregrinos españois pasaron por esta oficina chegados principalmente de Madrid, Sevilla, Pontevedra e Barcelona.
Agosto foi o mes en que maior número de consultas se realizaron na Oficina Municipal de Turismo. Foron 8.121 das que 5.945 foron realizadas por turistas nacionais, 482 por estranxeiros, 718 por peregrinos nacionais e 976 por peregrinos estranxeiros. Xullo foi o segundo mes no que máis persoas pasaron por este punto con 6.902 consultas. Mentres os meses de menor afluencia foron novembro con 653 persoas e decembro con 696.
A estes datos hai que sumar ás máis de 3 mil persoas que se achegaron ao Punto de Información Turística que este verán abriu na Praza da Inmaculada.
Tendo en conta que as persoas que se achegan ata a Oficina de Turismo non o fan soas senón acompañadas cando menos doutra persoa máis, polo que se pode facer un cálculo de que máis de 100 mil persoas foron as que visitaron Tui durante o ano 2015.
Sem comentários:
Enviar um comentário