Ata o próximo sábado 5 de novembro está aberto o prazo de inscrición para participar no I Concurso de Pintura “Pinta Tui” organizado polo Concello de Tui, ACITUI e Efectos. O obxectivo desta convocatoria, a celebrar o domingo 6 de novembro, é promover e achegar a arte e a cultura aos visitantes e incentivar a dinamización da oferta turística e as actividades no municipio.
Neste concurso poden participar artistas nacionais i estranxeiros maiores de 18 anos empregando óleo, acrílico, acuarela, sanguina, carboncillo, tintas ou ceras sobre lenzo cunha dimensión mínima de 40 cm e máxima de 120 cms. O tema serán paisaxes ou motivos do Concello de Tui que os artistas, que deberán levar todo o material que precisen, realizarán ao longo do domingo 6 de novembro dende ás 11h ata ás 19h. Os interesados pódense inscribir na Oficina Municipal de Turismo de Tui ou no correo turismo@concellotui.org aportando o nome e apelidos, DNI, enderezo e correo, teléfono, e a aceptación das bases.
O xurado conformado por persoas relacionadas co mundo da arte reunirase o domingo 6 para outorgar os premios establecidos que serán para o primeiro clasificado de 150€ en material de pintura e 50€ en metálico, para o segundo 50€ en material de pintura e 50€ en metálico, e para o terceiro 50€ en material de pintura. Todos amais terán a oportunidade de expor a súa obra nunha sala de exposicións municipal. Tamén se contemplan mencións especiais. No concurso tamén poderán participar artistas menores de 18 anos que neste caso recibirán diplomas ou trofeos polas súas obras.
As bases completas desta convocatoria pódense consultar na web www.concellotui.org.
Sem comentários:
Enviar um comentário