Haberá actividades para os mais cativos, de lecer, deportivas e tamén moita música
A Eurocidade Tui – Valença vén de presentar esta mañá a programación cultural e deportiva para este Nadal coa que se busca promover o comercio local, ofrecer alternativas de lecer para os cativos e fomentar o deporte. Estiveron presentes o presidente da Cámara de Valença Jorge Salgueiro, o vereador de Deportes José Monte, o concelleiro da Eurocidade, Miguel Capón e o concelleiro de Deportes, Laureano Alonso.
En total, dende o 1 de decembro e até o 8 de xaneiro, a Eurocidade acollerá a celebración de máis de 40 actividades de ocio e deportivas.
Tui organiza ou colabora na celebración dunha vintena de actividades que arrancarán o 3 e 4 de decembro co Mercadillo de Nadal. Este 2016 o mercado, centrado na artesanía e no comercio local, trasladarase a Corredoira onde tanto o sábado como o domingo, de 11:00 a 21:00 horas, 60 postos de comerciantes e artesáns ofrecerán os seus produtos. Como novidade, este ano BANTA, o Banco de Tapóns do Baixo Miño, contará cun posto no que venderá o seu calendario solidario e tamén recollerá tapóns.
Do 3 ao 11 de decembro haberá visitas guiadas especiais ao Conxunto Histórico de Tui. Estas visitas gratuítas, que se veñen facendo dende xuño, ofrecerán como novidade rutas ao Tui Escolar, ao Tui Fidalgo e á Igrexa de San Bartolomé dos século XI e XII en Rebordáns. Todas as rutas parten sempre da Praza da Inmaculada e teñen unha duración aproximada dunha hora. Son guiadas polo historiador tudense Suso Vila.
A música será tamén protagonista nestas datas na cidade. O 15 de decembro o Teatro Municipal de Tui acollerá o Concerto do Conservatorio Profesional de Música de Tui. A actuación comezará ás 20:00 e a entrada será de balde. Xa o 23 de decembro, o Teatro Municipal será o escenario da presentación oficial da Orquestra Sinfónica de Tui, que actuará por primeira vez no Concerto de Nadal. Por último, o 30 de decembro terá lugar o Concerto de Fin de Ano na praza de Frómista ás 20:00.
Os pequenos da casa tamén contarán con actividades dirixidas para eles. Ademais dos obradoiros do Mercado de Nadal na primeira fin de semana de decembro, o Concello proxectará o filme “Holy Night! Noite de Paz?” no Teatro Municipal o xoves, 22 de decembro ás 19:00 horas. Antes, entre as 11:00 e as 12:00 horas, o Apalpador, figura mítica da tradición cultural galega, chegará á Biblioteca Municipal nunha actividade musical.
No ámbito deportivo, a Eurocidade acollerá até oito actividades diferentes ao longo destas datas. A primeira delas terá lugar o venres 17 e sábado 18 de decembro coa celebración do I Trofeo de Nadal de Padel Club PadelTui nas pistas de Padel de Areas. O venres 17 haberá dous eventos máis. Son o Festival de Kung-Fu, no Pavillón Deportivo Municipal (17:00 a 19:30 horas) e o 7º Trofeo de Nadal de Natación na Piscina Municipal de Tui (16:00 horas). O domingo 18, tamén será a quenda do Festival de patinaxe no Pavillón de Tui (17:00 horas) e a Andaina Solidaria organizada por AndaTui con saída dende Valença (10:00 horas) cara Tui.
O 27 de decembro chegará a quenda do II Torneo de Exhibición de Bádminton no Pavillón de San Paio (16:00 a 20:00 horas). O 28 de decembro arrancará o Clinic do R. C. Celta de Vigo no Campo Municipal Álvarez Durán. Por último, o 8 de xaneiro terá lugar a 37ª Regata Miño Internacional de Remo.
A Eurocidade Tui – Valença porá en marcha este Nadal de xeito conxunto o Tren Turístico da Eurocidade namentres que o 5 de xaneiro terá lugar a Cabalgata Internacional de Reis con saída ás 17:00 (hora española) de Valença e chegada ao paseo da Corredoira ás 19:00 horas.
Do 20 de decembro ao 15 de xaneiro celebrarase a exposición de Beléns do Mundo na Catedral de Tui, unha ampla mostra de beléns convertidos en auténticas obras de arte.
Amais, en Valença, dende o 3 e até o 11 de decembro os mais cativos poderán desfrutar do mundo máxico de Duendelandia onde se atoparán con Papa Noel, a quen lle poderán entregar as súas cartas ademais dun bosque encantando e de obradoiros de pintura.
Pola súa parte, a Fortaleza de Valença, vólvese de chocolate, con postos de crepes, gofres, bombóns ou turróns ademais da gastronomía típica portuguesa.
A fin de semana do 17 e 18 de decembro a quenda será para a música, con tres concertos con música típica de época. Durante todo o Nadal, do 1 de decembro ao 8 de xaneiro, instalarase unha pista de patinaxe sobre xeo no Xardín Municipal de Valença.
Sem comentários:
Enviar um comentário