A ponte de Randufe, na estrada cara a Gondomar, e a da Magnolia, na estrada dende Vigo, estarán pintadas con murais antes de que remate o ano. O xurado do II Concurso de pintura Mural vén de facer público o seu veredicto para rematar o proxecto de embelecemento das pontes de entrada á cidade.
O artista David Brey Vázquez, “DoctorToy”, que xa gañara a primeira edición do concurso na ponte das Bornetas coa súa panorámica da cidade, fíxose novamente co galardón con dous proxectos presentados para ambas pontes.
En total, foron cinco os participantes que entregaron seis propostas diferentes, dentro desta iniciativa de mellora da imaxe de Tui. No caso da ponte cara a Gondomar, en Randufe, a obra xirará en torno ao leitmotiv de Tui como cruce de camiños e punto de encontro de visitantes e cidadáns de ámbalas beiras do Miño. Deste xeito, dunha parte da ponte representaranse os camiños do Aloia e a casa forestal até ascender até un dos moitos miradoiros panorámicos desta beleza paisaxística e medioambiental de Tui. Da outra parte da ponte, a proposta gañadora é a de plasmar os camiños de unión entre Tui e Valença, coa vella ponte internacional como centro do mosaico e de irmandade entre as dúas poboacións da Eurocidade.
Pola súa parte, na ponte da Magnolia, na estrada dende Vigo, a obra pictórica estará centrada no Camiño de Santiago ao seu paso por Tui. Resáltase así un dos factores turísticos máis importantes do municipio.
A primeira ponte, a de Randufe, comezará a pintarse o luns 28 de novembro, e unha vez rematada proseguirase coa de Magnolia na estrada cara Vigo. O Concello prevé que estean rematadas antes do inicio das festas do Nadal.
Este segundo concurso levouse a cabo logo de que a primeira ponte pintada contara con gran aceptación entre os tudense “embelecendo a entrada a Tui e converténdose nun éxito”, segundo apunto o concelleiro de Limpeza e Medio Ambiente, José Martínez Tato. Agora, conseguirase “mellorar os accesos a cidade dotándoos dunha imaxe atractiva que permita aos visitantes anticiparse ás belezas medioambientais e culturais que se atoparán en Tui”.
O gañador, David Brey, “DoctorToy”, recibirá un premio de 500€ por ponte, ademais de 400€, tamén por ponte, que o Concello porá a disposición dos artistas para facer fronte aos gastos de material. Ao igual que na pasada edición, tamén se cubrirán os gastos relacionados con escadas, medidas de seguridade, etc.
Esta iniciativa está promovida pola concellería de Deportes, Servizos Sociais e Turismo, de Ensino e Cultura e de Medio Ambiente, Medio Rural, Limpeza e Participación Cidadá.
Sem comentários:
Enviar um comentário