terça-feira, 2 de agosto de 2011

A exposición sobre a historia dos balnearios galegos que está a percorrer toda Galicia recala mañá en Tui


(Vía Láctea Comunicación).- O Edificio Área Panorámica de Tui acolle mañá mércores, ás 20:30 horas, a inauguración da exposición “O lecer das augas. Historia dos balnearios de Galicia”. Esta mostra itinerante, que permanecerá na localidade tudense ata o vindeiro 18 de setembro, está a percorrer as principais cidades galegas para dar a coñecer a evolución dos establecementos termais en Galicia ao longo do tempo. Ata o momento xa pasou pola illa da Toxa, Santiago de Compostela e Ourense.
Á inauguración asistirán o alcalde do Concello de Tui, Moisés Rodríguez; o comisario da exposición e director do equipo de investigación que realizou o libro homónimo, Luís Alonso; a directora do Balneario de Caldelas de Tui, Ana Rodríguez; e o xerente da Asociación de Balnearios de Galicia, Benigno Amor.
A exposición está impulsada pola Asociación de Balnearios de Galicia. Conta co patrocinio da Xunta de Galicia e coa colaboración da AEITEGAL -Agrupación Empresarial Innovadora Termal de Galicia-, a Cámara Oficial Mineira de Galicia, a Universidade de Santiago, o Concello de Tui e o Balneario de Caldelas de Tui.
Presentarase tamén o libro homónimo, que percorre a historia dos balnearios galegos dende 1700 ata 1936
Durante o acto presentarase tamén o libro homónimo da exposición: “O lecer das augas. Historia dos balnearios de Galicia”. Ambas iniciativas son froito dun convenio asinado en 2007 entre a Asociación de Balnearios de Galicia e a Cámara Oficial Mineira de Galicia. En virtude deste acordo, o equipo de investigadores dirixido polo profesor Luís Alonso Álvarez, catedrático de Historia e Institucións Económicas da Universidade da Coruña, realizou unha investigación sobre a historia dos balnearios galegos, entre os anos 1700 e 1936. O estudo, de máis de 1.000 páxinas, adaptouno para a súa publicación a editorial Galaxia.

Sem comentários:

Enviar um comentário