terça-feira, 23 de agosto de 2011

Música no Claustro da Catedral



Música no claustro presenta un programa “inmellorable” na súa sétima edición segundo os organizadores
Celebrarase do luns 22 ao venres 26 con ciclo de concertos, conferencias e exposicións
O Claustro gótico da Catedral de Tui vai acoller a próxima semana a sétima edición do Ciclo de Concertos Música no Claustro, caracterizada este ano por ofrecernos a súa particular visión da música creada dende 1886  nas dúas beiras do Miño ao través de concertos, exposicións e conferencias. Este é o xeito en que este ciclo musical se suma ás celebracións do 125 aniversario da vella Ponte Internacional.
Programa previsto
O VII ciclo de Música no Claustro comeza o luns ás 20h coa primeira das conferencias ilustradas a cargo do historiador Rafael Sánchez Bargiela que tratará o tema “A Ponte Internacional coma unión de dous pobo”.  Unha hora despois, ás nove, celebrarase o primeiro concerto a cargo do dúo Espido formado por Guadi Galego e Guillerme Fernández, músicos ligados a Berrogüetto que achegan un orixinal traballo cunha guitarra e unha voz.
O martes, 23 de agosto, abre a programación José Aldea director da colección “Itinerarios Histórico-Musicais” abordando a visita musical que propoñen á cidade de Tui. A continuación, ás nove, comezará o primeiro concerto do Ciclo JL Música de novos intérpretes coa actuación de Raquel Areal ao violín, e María Domíguez ao piano. Tras elas actuará xa no ciclo de concertos a pianista tudense Andrea González, que tras catro anos regresa a Música no Claustro dende Milán cidade na que cursa un Máster de Interpretación no Conservatorio Guiseppe Verdi.
Continua o ciclo o mércores, 24 de agosto, cunha conferencia ás 20h de Milagros Bará Viñas quen falará de Manuel Quiroga, unha das figuras musicais galegas máis grandes a nivel internacional.  Ás nove dentro do ciclo JL Música actuarán Manuel Madarnás á trompeta e Karolis Biveinis ao piano.  A continuación Sergio Heredia ao violín e Pablo Diago ao piano renderán homenaxe a Manuel Quiroga rescatando composicións deste autor para esta formación camerística.
O historiador tudense Suso Vila presentará o xoves ás 20h a situación xeral de Tui no ano 1886 pechando o ciclo de conferencias de Música no Claustro.  Tamén rematará o xoves o ciclo JL Música coa actuación de Sandra Pérez á percusión.  Corresponderá despois a quenda de actuación a Matamá Ensemble formación integrada por Noa Vidal, David Bellas e Xurxo Fernández que ofrecerán unha visión actual da música tradicional galega.
Por último o venres pecha Música no Claustro  a actuación de Cláudia Madur presentando o seu novo disco “Fado sem Tempo”. Está considera a nova voz do fado portugués. Estará acompañada por Artur Caldeira, Mario Henriques e Joao Penedo.

Sem comentários:

Enviar um comentário