segunda-feira, 8 de agosto de 2011

Preto de 2 mil mozos visitarán Tui co gallo da Xornada Mundial da Xuventude Madrid 2011


A celebración nos días 20 e 21 de agosto en Madrid da “Jornada Mundial de la Juventud” presidida pola S. S. Bieito XVI e que congregara a milleiros de todo o mundo repercute na nosa cidade que será visitada ao longo das vindeiras semanas por máis de dous mil mozos e mozas de diversas nacionalidades que pasaran por Tui no decurso da súa viaxe ata Madrid.
Hoxe mesmo, luns 8 de agosto, un grupo de 150 mozos xaponeses acompañados polo bispo de Kagosima terán unha liturxia na Catedral tudense para deseguido comezar o camiño de Santiago e proseguir logo ata Madrid.
O sábado, 12 de agosto, será un grupo de mozos de Australia, concretamente da diocese de Perth, acompañados do seu bispo auxiliar, os que se acheguen a Tui para coñecer a patria de Frei Rosendo Salvado, evanxelizador daquelas terra e especialmente dos seus aborixes e fundador da abadía de Nova Nursia. Este grupo terá unha celebración eucarística na Catedral e ás 12,00 horas serán recibidos oficialmente na Casa do Concello polo Alcalde de Tui.
Continuará a pasaxe de peregrinos que acoden á JMJ o luns, 15 de agosto, pola tarde cando 1.200 mozos franceses, de varias dioceses bretoas, visiten a Catedral de Tui para participar, conxuntamente cos mozos e mozas da diocese de Tui-Vigo, nunha cerimonia de envío presidida polo bispo de Tui-Vigo e tres bispos franceses das dioceses de Rennes, Vannes, St Brieuc e Brest-Quimper,
Finalmente o martes, 23 de agosto, serán 300 mozos da diocese de Umurama, en Brasil, os que visiten Tui na súa viaxe de retorno da JMJ, participando tamén na Catedral nunha celebración litúrxica.
O Concello de Tui saúda a estes dous milleiros de mozos e mozas de tan variada procedencia que se achegan á cidade e dálles a benvida máis cordial nesta cidade histórica, comprobando, nunha nova oportunidade, a capacidade de atracción que posúe a Catedral de Santa María que congrega ao seu redor a este importante número de peregrinos, reafirmando a condición de Tui como porta de entrada do Camiño Portugués a Compostela.

Sem comentários:

Enviar um comentário