segunda-feira, 1 de agosto de 2011

“O LECER DAS AGUAS: HISTORIA DOS BALNEARIOS DE GALICIA” NOVA EXPOSICIÓN NA SALA MUNICIPAL DE EXPOSICIÓNS DE TUI


A Sala Municipal de Exposicións do Concello de Tui acolle a exposición titulada 'O lecer das augas: historia dos balnearios de Galicia', unha mostra que presenta a historia, riqueza e as potencialidades balnearias de Galicia, comunidade onde se sitúa unhas das maiores concentracións termais de Europa. O acto de inauguración terá lugar este mércores, 3 de agosto, ás 20,30 horas na Sala Municipal de Exposicións (rúa Colón, 2 – Edificio Área Panorámica) e contará coa presenza do alcalde de Tui e o presidente da Asociación de Balnearios de Galicia. A mostra permanecerá aberta ao público en Tui ata o vindeiro 18 de setembro.
A mostra articúlase nunha serie de bloques cos principais fitos históricos do termalismo e as súas particularidades, arrancando co rexurdimento dos balnearios galegos no tempo da Ilustración e continuando cos balnearios liberais (1808-1874), Restauración e Belle Époque (1875-1914), ditadura de Primo de Rivera, República e posguerra, a recuperación destes establecementos durante a transición, os principais balnearios galegos na historia, a vida cotiá dos bañistas, a arquitectura destes espazos, as augas embotelladas e outras actividades industriais e a publicidade.
A presenza desta exposición na nosa cidade pretende reivindicar a achega que na historia termal de Galicia posúe o Balneario de Caldelas, un dos exemplos máis sobranceiros da tradición termal na nosa Comunidade Autónoma. De este establecemento contaremos na exposición con diversas pezas de carácter histórico que enriquecen o contido da mostra.
Esta exposición está organizada pola Asociación de Balnearios de Galicia, co patrocinio da Xunta de Galicia e a colaboración da Agrupación Empresarial Innovadora Termal de Galicia, a Cámara Oficial Mineira de Galicia e o Concello de Tui.
Para a concelleira de Cultura do Concello de Tui, Vanesa Rodríguez Pereira, a celebración desta exposición posúe un alto interese por canto amais de aproximarnos a un aspectos da historia social e cultural de Galicia como é o termalismo, contribúe á difusión da oferta que en esta materia posúe o noso municipio a través do Balneario de Caldelas, un establecemento termal cunha alongada tradición e que colabora con intensidade nesta exposición.

Sem comentários:

Enviar um comentário