O Alcalde tudense, Moisés Rodríguez Pérez, asistiu esta semana, en Santiago de Compostela, á sinatura dos convenios de colaboración entre os 32 concellos que teñen declaradas Áreas de Rehabilitación Integral e a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas para o financiamento da Oficina Municipal de Rehabilitación – Portelo Único de Vivenda que facilita aos cidadáns o acceso á información e tramitación das axudas dirixidas á rehabilitación.
En virtude deste convenio a Consellería financiará ata o 60% dos custos das oficinas municipais de rehabilitación ou portelos únicos. Isto supón un incremento de 10 puntos porcentuais respecto ao ano anterior, sendo este ano en que, por primeira vez, non se contempla financiamento estatal para estas oficinas xa que o Ministerio suprimiu esta axuda.
No decurso do acto o conselleiro avanzou ademais que os propietarios de vivendas emprazadas no trazados dos sete camiños de Santiago que percorren Galicia poderán solicitar a partir do venres as axudas para a rehabilitación, unha vez que o Diario Oficial de Galicia publicou este xoves a orde pola que se convocan as mesmas. Precisou que o período de solicitudes estará aberto ata decembro de 2011, presentándose as solicitudes nas xefaturas provinciais do Instituto Galego da Vivenda e Solo.
Estas axudas, para as que a administración galega e central destinan case 6 millóns de euros, beneficiarán as vivendas das parroquias polas que discorre o Camiño de Santiago. As axudas medias serán de 5.000 euros do Plan de Vivenda e Rehabilitación 2099-2012, que nalgúns casos poderán chegar aos 10.000 euros. Concretou que neses casos, os posibles beneficiarios terán que ter uns ingresos inferiores ao 6,5 veces o IPREM (Indicador Público de Efectos Múltiples); que as obras se efectúen en vivendas de 10 ou máis anos e destinar a vivenda a domicilio habitual.
Poderán acceder a estas axudas os propietarios que rehabiliten as súas vivendas emprazadas no camiño de Santiago, excepto cando esas vivendas xa estean incluídas nunha área de rehabilitación declarada con anterioridade, en cuxo caso se aplicarán as axudas da área de rehabilitación máis antiga. Nas conexións das rutas do camiño coas cidades e as grandes vilas a área de rehabilitación non comprende tódalas vivendas de cada parroquia, senón as da delimitación do trazado do camiño.
O importe máximo da subvención por vivenda pode acadar o 75 por cento do orzamento protexido, cun límite de 10.000 euros. Estas subvencións son compatibles coas de rehabilitación de fachadas e rehabilitación no medio rural e conxuntos históricos, financiadas exclusivamente con fondos da Xunta de Galicia. Pola contra, son incompatibles coas do programa Renove do Plan de Vivenda.
Sem comentários:
Enviar um comentário