terça-feira, 1 de março de 2011

“OPERACIÓN MONARCA” NA SALA MUNICIPAL DE EXPOSICIÓNS


Dende o día de hoxe, 1 de marzo, e ata o vindeiro día 20 de marzo, pódese contemplar na Sala Municipal de Exposicións do Concello de Tui a mostra titulada “Operación Monarca” organizada polo CEIDA (Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Amiental de Galicia) en colaboración co Deputación da Coruña e a concellería de cultura do Concello de Tui
Un dos fenómenos mais abraiantes que nos ofrece a natureza galega, é unha visitante de alén do Atlántico: a bolboreta Monarca, que voa miles de quilómetros coas súas fráxiles ás, cruza o mar e nos visita cada outono cun sixilo que non fai honra a semellante fazaña. A chegada a Galicia desta bolboreta, espertou unha interesante iniciativa por parte do seu descubridor, o lepidopterólogo galego Eliseo H. Fernández Vidal, para poder obter máis datos sobre o arribo desta especie ás nosas costas: a Operación Monarca
Este proxecto, amosado a través desta pequena exposición, ten como obxectivo que cada vez máis persoas coñezan esta bolboreta e poidan informar das súas observacións, co fin de ter un coñecemento máis profundo da súa presenza en Galicia. Amais, pretende que as persoas alleas á lepidopteroloxía se interesen polo coñecemento deste marabilloso mundo e a súa conservación.
Esta mostra  está conformada por paneis explicativos, con ilustracións diversas a través das que podemos identificar esta especie de bolboreta, a súa bioloxía, as súas migracións, etc.
Para o concelleiro de cultura do Concello de Tui, Moisés Rodríguez Pérez, esta mostra de divulgación ambiental enmarcase dentro da programación de actividades da Sala Municipal de Exposicións de ofrecer ao longo do anos unha diversidade de mostras que responden aos intereses dos diversos sectores sociais da nosa localidade e que contribúan á promoción cultural e social nos nosos veciños.
O CEIDA e a Deputación da Coruña produciron esta exposición.

Sem comentários:

Enviar um comentário