Este domingo, 9 de xuño, o alcalde do Concello de Tui, Moisés Rodríguez, exercerá as funcións de delegado rexio no solemne acto da Ofrenda do Antigo Reino de Galicia a Xesús Sacramentado na Catedral de Lugo e estará acompañado por case 500 veciños de Tui que se inscribiron na convocatoria realizada polo Concello de ofrecer transporte gratuíto a todos os interesados
Anualmente, o domingo seguinte ao do Corpus Christi ten lugar en Lugo este acto institucional e relixioso centenario no que participan os mandatarios das antigas capitais do Reino de Galicia: A Coruña, Lugo, Ourense, Santiago de Compostela, Mondoñedo, Betanzos e Tui. Trátase da ofrenda ao Santísimo e a súa posterior procesión pola cidade, coa que aquelas autoridades cumpren co voto solemne que fixeron en 1669 os seus devanceiros, ante as dificultades económicas da Catedral de Lugo, de dotala dunha renda anual coa que iluminar o Altar Maior onde está exposto permanentemente o Santísimo Sacramento.
Ata os nosos días celébrase ininterrompidamente este rito da Ofrenda do mesmo xeito nunha misa solemne: por quendas rotatorias anuais, os mandatarios municipais das sete cidades do Antigo Reino de Galicia (o alcalde de cada cidade ou un delegado ou representante seu) presenta a Ofrenda.
É a tradición institucional mais antiga que se conserva en Galicia como símbolo da nosa identidade e condición colectiva do noso país. Correspondíalle á cidade de Tui exercer a súa quenda no pasado ano 2012 pero cedeuna tras unha petición formulada polo rexedor de Lugo para poder inaugurar as obras de restauración da Capela Maior do templo catedralicio lucense.
O alcalde de Tui amósase incluso sorprendido da importante acollida que tivo a convocatoria municipal e por este importante número de cidadáns tudenses que acompañarán ao alcalde e concelleiros neste acto institucional deste domingo. A Corporación Municipal tudense participará neste acto presidida polo seu pendón e maceiros e estará acompañada da Policía Municipal con uniforme de gala, un grupo de parellas ataviadas co traxe tradicional tudense e a Banda de Música Popular de Tui, xunto a este importante continxente veciñal.
Sem comentários:
Enviar um comentário