Esta mañá tivo lugar a clausura do Obradoiro de Emprego de Tui no que durante os últimos seis meses se formaron 32 alumnos nas especialidades de de “Auxiliar de albanelería – chacoteiro”, “Pintor – colocador de prefabricados lixeiros” e “Instalación de elementos de carpintería”, xunto a seis docentes. Un total de 38 persoas participaron pois neste Obradoiro de Emprego “Yui Emprende 2012”. Supuxo un investimento superior aos 480 mil euros, dos que 282 mil foron aportados pola Consellería de Traballo e Benestar, e 208 mil polo Concello de Tui.
O acto final do obradoiro coa entrega de diplomas tivo lugar no salón de sesións da Casa do Concello presidido polo alcalde de Tui, Moisés Rodríguez, e o delegado da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís. Estiveron tamén presentes concelleiros do grupo de goberno, así coma de ALT, PSOE e BNG, xunto ao equipo directivo do obradoiro.
Tras a proxección dun vídeo sobre o traballo realizado neste medio ano tomou a palabra Ana Concheiro, titora do obradoiro, quen explicou que dos 32 alumnos, a meirande parte deles levaba máis de 5 anos en situación de desemprego. Salientou que hai 4 alumnos xa insertados laboralmente, e outros catro que obtiveron a titulación de graduado en ESO. Para rematar agradecía ao alumnado a súa implicación e bo facer.
O alcalde de Tui, Moisés Rodríguez, salientou a posta que o concello realiza pola formación e o emprego, na que é fundamental, dicía, o apoio da Xunta de Galicia en accións como este obradoiro. Salientaba a experiencia que hai en Tui tanto en Escolas Obradoiro como en Obradoiros de Emprego ao tempo que avanzaba que o Concello de Tui ten xa solicitado un novo obradoiro co obxectivo de continuar coa obra acometida na Casa Escola de Randufe que foi rehabilitada nestes seis meses e que está previsto acolla o primeiro viveiro de empresas da localidade.
“O obradoiro de emprego é tamén unha ferramenta para a busca de emprego”, explicou Moisés Rodríguez. “Durante estes seis meses, os alumnos aprenderon a preparar un currículum. De feito, cada un deles mandou, de media uns 80 currículums a empresas para atopar traballo”. Neste senso, tamén animou aos presentes, algúns dos cales levaban ata cinco anos no desemprego, “a que conformen as súas propias empresas ou que poñan en marcha cooperativas, xa que a iniciativa é tamén unha boa fórmula para conseguir unha saída laboral”.
O delegado da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, en referencia ao novo proxecto presentado polo Concello de Tui sinalou que é un dos mellores da provincia, explicando que agora está a ser estudado polos técnicos, e que agarda que no mes de setembro se coñeza xa cales son concedidos. Tamén aludiu a nova iniciativa que a Deputación vai pór en marcha cun Plan de Emprego no que terán prioridade as persoas que teñan o certificado obtido en obradoiros coma o que agora vén de rematar en Tui.
Os participantes recibiron hoxe o seus certificados de profesionalidade, que teñen validez en todo o territorio nacional e demostran a preparación e habilidades adquiridas, o que vai incrementar moi significativamente a empregabilidade do alumnado.
Sem comentários:
Enviar um comentário