Á curta ballata contra os falanxistas seguiu una represión tan longa como vingativa
O 18 de xullo de 1936, tras a proclama do bando de guerra nas diferentes cidades españolas, créase de contado unha Xunta de Defensa Local, en Tui. Segundo o investigador Carlos Fernández Santader, figuraban nela o alcalde tudense Guillermo Vicente de Santiago, o médico Hermenegildo Losada, o depuado agrario Alonso Ríos -que fará de enlace con outros comités de defensa de localidades próximas-, Romero Ulpiano Peña e o cenetista Gumersindo Rodríguez. Preside a Xunta o doutor Losada. Como centro neurálxico para a organización da resistencia vaise utilizar o edificio do Seminario, cuxas instalacións servirán para o abastamento básico de alimentos, ademais de arsenal e polvoriño e aínda de cuartel improvisado para as milicias populares.
A dotación da patrulleira "Cabo Fradera", comandada polo tenente Joaquín Valera de Eguilaz -posteriormente condenado a vinte anos de prisión-, apoiada polas forzas navais de Camposancos e tamén polo Corpo de Carabineiros -este, baixo o mando do capitán Marcelino Rodríguez Blanco, quen sería fusilado máis tarde-, xuntamente con preto dun centenar de milicianos e unidos a numerosos obreiros e campesiños, decide erguer barricadas. Colocan os resistentes, ademais, minas na estrada desde As Gándaras deica a Guillarei. Cavan igualmente trincheiras e tentan aprovisionarse de canto armamento lles resulta posible xuntar, desarmando logo á Garda Civil, que se pecha na súa casa-cuartel de Tui. Ao tempo, os republicanos establecen unha segunda liña de defensa á altura da Alameda. Mínanse, segundo certas versións, as pontes sobre o río Louro.
O devandito Carlos Fernández -El alzamiento de 1936 en Galicia- escribe que se reuniron, por parte dos leais á República, uns douscentos fusís: isto é, material que fornecía a outros tantos combatentes, organizados en tres columnas: unha detrás do río Louro, con obreiros e campesiños; outra de carabineiros, mariñeiros e milicianos, a ocuparen o centro; a terceira, na ala dereita, con recrutas armados.
A ofensiva dos "nacionais" deu comezo o sábado, día 25, con tiroteo salferido de fusís e persistentes ráfagas de ametralladoras, ademais de fogo intermitente de morteiro. Os disparos inícianse arredor das dez da mañá e repítesen de forma escalonada até arredor das cindo da tarde. A pesar de todo o esforzo, a liña de defensa republicana non cae. Tal situación provoca a cólera no bando franquista, que se retira na procura de reforzos logo da perda de sete efectivos e duns trinta feridos; do outro lado contan dous milicianos mortos e tres feridos.
Ao día seguinte, 26 de xullo, tropas doo XV Rexemento de Artillería Lixeira de Pontevedra veñen reunirse no Porriño con outro destacamento chegado desde Ourense: este último composto por ametralladoras e morteiros. Igualmente, as forzas sitiantes reciben reforzos de varios escadróns de falanxistas voluntarios e tropa procedente de Vigo -cidade que viña de caer en mans do bando rebelde- ao mando do capitán Carreró. En total, aproximadamente, uns seiscentos homes.
Canonazos -algunha bomba foi caer preto, ou xa da outra beira, de Portugal- e fogo de morteiro, á canda da superioridade numérica, van ser as causas de que rematen definitivamente as barricadas de a Volta da Moura. O bombardeo durou deica ás tres da tarde, momento en que son tomadas as posicións dos leais á República, logo de trinta e seis horas de duro asedio.
Persecución e represión
A seguir foi asediada a propia cidade de Tui. Unha vez ocupada esta, ficou na praza a sexta batería do devandito Rexemento de Artillería de Pontevedra ás ordes do capitán Eduardo Rodríguez. Conformouse unha Comisión Xestora composta por falanxistas e persoas afíns ao novo réxime. Mentres, as tropas acuartélase momentaneamente no Seminario Conciliar, edificio que tamén servirá de tribunal dos xuízos sumarísimos e cárcere.
Logo da batalla, a persecución e represión dos que nela participaran foi inmediata e persistente. Un tras outro, os supervivintes do bando republicano foron encarcerados ou asasinados. Como vinganza, a Volta da Moura foi o lugar escollido para efectuar as execucións e deixar abandonados os cadáveres.
A represión cebouse tamén nos dirixentes municipais que se involucraran na resistencia sen utilizar as armas. Asasinado, por exemplo, foi o médico Alejo Diz Jurado, o 30 de outubro. Ese mesmo día tamén pereceron o médico Darío Álvarez Limeses, Manuel Domínguez, Serafín Fernández, Francisco Guinde..., tal e como figuran as súas identidades nun libro de rexistro de presos existente no Arquivo Municipal de Tui. As execucións realizábanse cada amañecer; principalmente, na Alameda. Na actualidade localízase no lugar un monmento conmemorativo que dá memoria daqueles bárbaros acontecementos.
Sem comentários:
Enviar um comentário