Os talleres impartiranse dúas tardes por semana durante tres horas no Centro de Atención a persoas con Alzhéimer, na Antiga Escola de Chans
O Concello de Tui e a Asociación de Familiares de Alzhéimer de Galicia, a AFAGA desenvolverán un programa de actividades para persoas con Alzhéimer e deterioro cognitivo, e tamén para as súas familias. Así o anunciaron este mediodía o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, o concelleiro de Servizos Sociais, Laureano Alonso, o presidente da AFAGA, Juan Carlos Rodríguez e a vicepresidenta da Asociación, Maribel Prado.
No Centro de atención a persoas con Alzhéimer, na Antiga Escola de Chans en Randufe, impartiranse talleres de estimulación cognitiva e funcional dúas tardes á semana, durante tres horas cada día. Nos mesmos, traballaranse terapias funcionais e motrices, cognitivas e socializadoras, dirixidas a atrasar a etapa severa da enfermidade. Ademais, para a familia impartirase un servizo de información e de orientación e asesoramento social.
O alcalde de Tui declarou que o concello aporta para este programa de actividades 17.000 euros ó ano, xa que entende que “é un servizo demandado, básico, necesario e de grande utilidade”. Enrique Cabaleiro expuxo a idea de que o Centro de atención de Randufe se converta nun centro de referencia a nivel comarcal, e que tamén atenda a persoas de Valença.
Por outra banda, deu conta o rexedor tudense que unha das prioridades para Tui é a construción dun centro de día especializado en Alzhéimer, e xa lle trasladou a petición á secretaria xeral de Benestar, Julia Piñeiro.
O presidente da AFAGA, Juan Carlos Rodríguez, explicou que o obxectivo destas actividades é incidir nas fases leves e moderadas do Alzhéimer e que se prolonguen máis anos. Ademais cos talleres poderase facer detencións máis rápidas do ciclo da enfermidade e estimular ós enfermos.
Arestora hai 10 persoas inscritas nestes talleres e moitas en lista de espera. A intención é poder ampliar este servizo. O ingreso nos talleres realizarase a través da concellería de Servizos Sociais do Concello de Tui. Unha vez completada a solicitude, realizarase unha valoración cognitiva e funcional que determinará a súa aptitude para os talleres. Os que desexen obter máis información, poden chamar o teléfono do Concello de Tui 986 60 36 25- Extensión 5 ou da AFAGA 986 22 97 97.
Sem comentários:
Enviar um comentário