O prazo para solicitar a participación vai do 16 de setembro ó 5 de outubro de 2015
A Deputación de Pontevedra, a través do Servizo de Servizos Sociais, convoca unha nova edición do programa “Coidarte” no que participará o Concello de Tui, atendendo ó alto nivel de satisfacción que amosan nas enquisas os participantes en edicións pasadas, onde o cualifican moi positivo. O prazo para solicitar a participación vai do 16 de setembro ó 5 de outubro de 2015.
Coidarte”, ten por finalidade fomentar o envellecemento activo e mellorar a calidade de vida das persoas, establecendo novas relacións sociais e favorecendo a participación en actividades que favorezan o seu estado anímico.
A iniciativa dálles a posibilidade ás persoas usuarias de participar nun programa de balnearios ó tempo que lles fan fronte as súas obrigas persoais e cargas familiares. Os establecementos adheridos son: Balneario Termas de Cuntis; Talaso Spa en Moaña; Balneario Illa da Toxa; Vía Argentum en Silleda; Talaso Atlántico en Oia e Palacio da Auga en Mondariz Balneario.
A Deputación de Pontevedra subvenciona este programa con 40 euros por persoa; os concellos adheridos aportarán outros 10 e a cantidade restante deberá ser aboada por cada beneficiario. O prezo inclúe: o traslado en autobús desde o lugar de orixe ata o establecemento elixido; dúas horas diarias durante cinco tardes seguidas nas instalacións do balneario, talaso ou spa elixidos; gorro e chanclas; un refrixerio para despois da actividade correspondente; excursión; seguro de viaxe e dos establecementos e guía acompañante.
Poderán beneficiarse do programa as persoas empadroadas na provincia de Pontevedra que cumpran algún dos seguintes requisitos:
a) Nacer antes de 1965, feito que deberá acreditar cunha fotocopia do documento nacional de identidade (DNI) ou número de identidade de estranxeiro (NIE), segundo o caso
b) Ser pensionista. Neste caso deberán achegar unha fotocopia do certificado correspondente
c) Precisar dun respiro familiar, o que se acreditará mediante un informe do traballador social dos servizos sociais comunitarios básicos
É requisito indispensable non padecer ningunha enfermidade ou patoloxía incompatible coa actividade do programa.
Deberanse cubrir todos os apartados da solicitude, que se poderá descargar en www.depo.es, sinalando un só establecemento termal, achegar unha copia do DNI ou NIE e, segundo o caso, o certificado da pensión ou o informe do traballador social do seu concello.
Poderán presentarse as solicitudes no Rexistro Xeral da Deputación de Pontevedra ou Vigo, nas oficinas periféricas do ORAL, como a situada en Tui ou nos Concellos adheridos ó programa.
Sem comentários:
Enviar um comentário