A Deputación de Pontevedra organiza para as vindeiras semanas unhas xornadas informativas en Vilagarcía, no polígono de Barro-Meis, en Tui e en Lalín para dar a coñecer entre a xuventude da provincia o programa Depoemprende. En concreto, as xornadas, abertas a todas as interesadas e interesados, desenvolveranse o vindeiro martes, ás 12 h, na Cámara de Comercio de Vilagarcía de Arousa, o mércores á mesma hora no viveiro de empresas de Barro-Meis, o venres 26 tamén ás 12 h na Cámara de Comercio de Tui e o 30 de agosto á mesma hora no viveiro de empresas de Lalín.
O programa DepoEmprende está dotado con 260.000 € para o impulso do emprendemento xuvenil na provincia. Esta actuación, enmarcada no programa de itinerarios de emprendemento xuvenil da Fundación INCYDE e financiada polo Fondo Social Europeo, está destinada a 120 mozas e mozos da provincia de Pontevedra, menores de 30 anos, rexistrados no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil, sen ocupación e sen estar integrados nos sistemas de educación ou formación.
A través das xornadas informativas, a Deputación de Pontevedra pretende dar a coñecer entre as mozas e mozos da provincia os obxectivos e contidos de Depoemprende entre os que se atopan o fomento do espírito emprendedor e a cultura emprendedora, eliminando as barreiras que dificultan ou impiden a transformación das ideas emprendedoras en proxectos concretos, así como a incorporación ó mercado laboral de 120 mozas e mozos da provincia a través de itinerarios de emprendemento xuvenil adaptados ás súas necesidades.
As persoas que estean interesadas en participar en Depoemprende poderán formalizar a súa inscrición o mesmo día de celebración das xornadas informativas. A partir dese momento, serán apoiados en todo o momento pola Deputación de Pontevedra, quen os axudará a deseñar un plan e proxecto personalizado para cada participante no que se terán en conta variables coma a motivación para traballar, condicionantes persoais, profesionalidade e habilidades sociais. A institución provincial tamén se encargará de asesorar a cada participante nas etapas iniciais dos proxectos, de dirixir e supervisalos, de promover a cultura emprendedora e de impulsar a formación para o emprendemento.
Un dos obxectivos prioritarios do goberno da Deputación de Pontevedra é a loita contra o desemprego para converter á provincia nun territorio próspero. Con Depoemprende, a Deputación de Pontevedra quere promover que os proxectos medren de xeito competitivo, consolidando solucións óptimas en xestión de recursos, incrementando o valor da innovación para fortalecer o tecido empresarial, mellorando a prestación de servizos, desenvolvendo novos produtos e modelos de negocio e creando emprego, xa que se pretende incorporar ó mercado laboral ás 120 mozas e mozos participantes.
O impulso do emprego xuvenil é un dos obxectivos prioritarios para a Deputación de Pontevedra. De feito, o novo goberno da Deputación está a impulsar proxectos específicos para a mocidade como o Plan de Práctica Laboral para Deputación e concellos da provincia, xa en marcha, o Plan para empresas e organizacións non gobernamentais, cuxo prazo para anotarse permanece aberto. Ademais do programa Practicum Depo, para facilitar a estadía formativa no estranxeiro de mozos e mozas con estudos de formación profesional, así como o convenio coa Universidade de Vigo para complementar a estudantes beneficiarios de becas Erasmus.
A Deputación de Pontevedra está a destinar, este ano, un 20,5% máis de recursos ó fomento do emprego, investindo 15,3 millóns de euros en planificar estratexias de desenvolvemento coa finalidade de impulsar o crecemento económico e o progreso social da provincia de Pontevedra.
in Infomiño
Sem comentários:
Enviar um comentário