O Paseo da Corredoira de Tui acolle este domingo, 5 de marzo, de 10.30h a 21h a II Feira San Carnaval organizada polo Concello de Tui coa colaboración de Ppartmin Creativas con carácter solidario a beneficio de SOS Tomiño Baixo Miño e a protectora de animais de Tui Aloia. Na mesma participarán máis de 50 postos de artesanía, antigüidades, produtos ecolóxicos, sobremesas, coiro, bixutería, segunda man...
Amais celebraranse outras actividades ao longo do día. Ás 11h terá lugar o Concurso de disfraces caninos, no que só poderán participar mascotas domésticas, premiando aos tres máis elaborados e orixinais. Os interesados deben anotarse media hora antes aboando 1€.
Por outra parte ás 13h celebrarase o Concurso de Disfraces infantil con dúas categorías, unha para cativos de 3 a 5 anos e outra para nenos de 6 a 10 anos. Recibirán premios os tres máis elaborados e orixinais en cada categoría. A inscrición farase media hora antes do comezo aboando 1€. O recadado nos dous concursos de disfraces será para a Protectora de Animais de Tui Aloia
Amais ao longo da xornada actuarán os grupos folclóricos Seixos Albos de Areas, Refaixos e Polainas de Baldráns, e as pandereteiras As D’Abadía. Tamén están previstas exhibicións de cetrería, e venda de orellas de Entroido a un 1€, destinando o importe da recadación para SOS Tomiño-Baixo Miño. Os cativos poderán disfrutar de inchables cos vales que entregarán os postos presentes na feira por cada 10€ de compra. Para rematar a xornada actuará o monologuista Fredi Cruxer.
Sem comentários:
Enviar um comentário