sexta-feira, 3 de maio de 2013

A artesanía dáse cita esta fin de semana no conxunto histórico de Tui


A rúa Ordóñez e as prazas do Concello, San Fernando e a Misericordia van ser o escenario onde esta fin de semana se celebre a XVII Feira de Artesanía de Tui, organizada pola Concellería de Cultura do Concello de Tui.  Esta cita, xa consolidada, presentará unha ampla variedade de produtos artesáns en coiro, cerámica, xoiería, instrumentos, mosaico, papel, vidro, trapería...da man dunha trintena de artesáns.
A inauguración está prevista para o sábado ás 12h e a feira abrirá tanto sábado como domingo de 12 a 22h. Así o explicaban esta mañá na presentación desta actividade o alcalde de Tui, Moisés Rodríguez, a concelleira de Cultura, Vanesa Rodríguez, xunto a representantes da Asociación de Palilleiras do Baixo Miño, de “Bordado ao Aire” e os artesáns Emilio Alonso e Sebastián Sobral, que acudirán por vez primeira á feira, e Susana Cabo de Porta da Pía Artesanía. 
A concelleira de Cultura, Vanesa Rodríguez, explicaba que, ao igual que o ano pasado, a feira terá lugar en distintos emprazamentos do conxunto histórico tudense, ao tempo que agradecía a resposta por parte dos artesáns. Haberá 9 artesáns de Tui, 14 de outros puntos da provincia de Pontevedra, 2 da Coruña, 1 de Ourense e 1 de Vila Nova de Cerveira en Portugal. 
O alcalde de Tui, Moisés Rodríguez, fixo referencia aos 17 anos que cumpre este evento, explicando que se trata dunha feira xa consolidada que figura no calendario dos artesáns. O rexedor tudense subliñou amais a importancia de recuperar elementos da nosa cultura tradicional, como poderemos ver esta fin de semana na feira. Aludiu amais a posibilidade de no futuro “dar un salto e converter esta feira nunha feira medieval”. 
Nesta feira a Asociación de Palilleiras do Baixo Miño presentará as súas creacións e estarán palillando na Praza da Misericordia amosando o encaixe popular e este ano tamén por vez primeira encaixe de Centroeuropa que é moito máis laborioso segundo explicaba a presidenta deste colectivo Salomé Álvarez. No mesmo lugar estarán tamén as participantes no curso de “Bordado ao aire” cuxa monitora é Purificación Cid que achegarán bordados recuperados dos século XVIII e XIX. 
Entre os novos artesáns presentes este ano na feira estará Emilio Alonso con creacións en coiro, material que leva 13 anos traballando para dar forma a bolsos, carteiras, pulseiras, aneis... para os que emprega tanto pel de cabalo coma de vacún. Nalgúns dos seus traballos fai tamén repuxado e labrado. 
Susana Cabo, de Porta da Pía Artesanía, que levará produtos de Cabuxa explicaba que mesturan artesanía e innovación nos seus produtos plasmando a obra de pintores como Leandro Lamas. O produto estrela que presentarán serán zocos realizados por Elena Ferro coa pel proporcionada por Cabuxa. Mentres Sebastián Sobral presentará esculturas de figuras humanas de 15 centímetros realizadas con aramio e papel. 
Durante os dous días da feira está prevista a actuación de grupos folclóricos de Tui. Así o sábado ás 12h actuará a Banda de Gaitas “San Xoán” de Paramos, ás 18h o grupo folclórico “Inquedanzas” de Pazos de Reis e ás 20h a Banda de Gaitas “O Mosteiro” de Pexegueiro. Mentres o domingo ás 12h será a quenda do grupo folclórico “Xuntanza” de Randufe, ás 18h o grupo folclórico “San Fins” de Rebordáns, e ás 20h o grupo folclórico “Santa Columba” de Ribadelouro.
De forma paralela á feira celebrarase Tapearte Tui, unha iniciativa de Turismo Baixo Miño e o Concello de Tui, na que participan 15 establecementos tudenses que ata o domingo ofrecen unha tapa creativa ao prezo de 2€.
Co gallo desta Feira de Artesanía tamén está na Praza da Inmaculada o Mercado Solidario. 
XVII Feira de Artesanía 
Data: Sábado 4 e domingo 5 de 12 a 22h
Lugar: rúa Ordóñez, praza do Concello, praza de San Fernando e praza da Misericordia
Programación 
Sábado 4
Ás 12h inauguración 
Ás 12h Banda de Gaitas “San Xoán” de Paramos
Ás 18h Grupo folclórico “Inquedanzas” de Pazos de Reis
Ás 20h Banda de Gaitas “O Mosteiro” de Pexegueiro
Domingo 5
Ás 12h Grupo folclórico “Xuntanza” de Randufe
Ás 18h Grupo folclórico “San Fins” de Rebordáns
Ás 20h Grupo folclórico “Santa Columba” de Ribadelouro

Sem comentários:

Enviar um comentário