Máis de 4.500 persoas son os que se agardan que participen este ano nas actividades deportivas organizadas pola Eurocidade Tui-Valença do Minho. O programa completo destes evento deportivos foi presentado esta mañá polo alcalde de Tui, Moisés Rodríguez, o concelleiro de Deportes de Tui, Nicolás Lorenzo, o vereador de Desporto de Valença, José Monte, e o presidente do Tyde F. C., Jesús López.
Nicolás Lorenzo, concelleiro de Deportes de Tui, destacou que o calendario que se presenta é moi ambicioso, engadindo que este é o ano de consolidación destas actividades deportivas xa que se van incrementar o número de probas, de 8 evento realizados en 2012 a 16 que se celebrarán este ano, co que se agarda incrementar o número de participantes dos 2.500 do ano pasado aos 4.500 que se esperan neste ano. O edil apuntou amais a repercusión positiva que esta afluencia de xente terá sobre o comercio e a hostalaría local, xa que os deportista veñen tamén acompañados de familiares e amigos.
Destacou Nicolás Lorenzo, o éxito que están a ter as Andainas Saudables da Eurocidade que en 2013 ofrecen 17 percorridos. Ao tempo lembrou que por esta iniciativa o ano pasado a Xunta entregoulles o premio “Galicia Saudable”. Tamén avanzou a próxima posta en marcha da Unidade de Promoción do Exercicio Físico, grazas a fondos europeos.
O vareador de Desporto de Valença, José Monte, salientou coma o proxecto de Eurocidade se vai construíndo paso a paso, apuntando que “neste proxecto cada vez máis queremos fomentar factores de unión”.
O presidente do Tyde F.C. Jesús López, foi o encargado de dar os detalles do III Torneo Fúbtol 7 que esta fin de semana, sábado e domingo, se vai celebrar no Complexo Deportivo Álvarez Durán. Participarán vinte equipos, tanto galegos coma portugueses, nas categorías benxamín e alevín, sumando un total de 300 nenos. A competición comezará o sábado de 10.30h a 13.30h para os benxamíns, pola tarde de 16 a 1´9.30h será para os alevíns. Xa o domingo a partir das 10.30h disputaranse as finais e ás 13.20h terán lugar as finais.
O alcalde de Tui, Moisés Rodríguez, manifestou que “este é o camiño axeitado e acertado, de dúas cidades traballando de xeito conxunto” e sendo “un exemplo de cooperación transfronteiriza”. O rexedor tudense engadía que estas actividades deportivas van ser un éxito, e sinalaba que a cooperación que se está realizando xa no ámbito deportivo “queremos estendelo a todos os ámbitos da política municipal, porque ese é o camiño, somos un exemplo en Europa”.
Amais das Andainas Saudables o calendario deportivo da Eurocidade complétase con estas outras actividades: Campionato de Pesca Popular, III Torneo Fúbtol 7 Eurocidade (18 e 19 de maio), Eurocidade BTT (26 de maio), Eurocidade 10 (9 de xuño), Cuadriatlón (6 de xullo), Trofeo de Balonmán Eurocidade, III Travesía a Nado (setembro), I Campionato Ibérico de Kung Fu (outubro), Campionato de Tenis Eurocidade (outubro), I Campionato Internacional de Baile Deportivo (novembro), e I Festival Aéreo da Eurocidade.
Sem comentários:
Enviar um comentário