sexta-feira, 3 de maio de 2013

O ALCALDE COS REMEIROS TUDENSES SELECCIONADOS PARA O CAMPIONATO DE EUROPA


O alcalde de Tui, Moisés Rodríguez Pérez, acompañado do concelleiro de deportes, Nicolás Lorenzo Monte, e doutros membros do goberno local despediu esta maña aos catro remeiros tudenses do Club Remo Tui que formarán parte da selección española que participará nos últimos días de maio e primeiros de xuño nos campionatos de Europa que terán lugar en Sevilla.
Jesús González, Nuria Domínguez, Sergio Pérez e Esmeralda Santos son os deportistas tudenses que forman parte da selección española, cómpre salientar que dos seis remeiros galegos escollidos catro deles son os integrantes do Club Remo Tui. Este Club é o terceiro club de España que máis deportistas aporta á selección española.
O rexedor felicitou aos deportistas tudenses por resultar seleccionados pois acredita un excepcional traballo nesta tempada e salientou que o mellor éxito é participar neste Campionato de Europa pois significa que o deporte tudense se sitúa a un nivel de alta competición. Con todo, está seguro que loitarán por traer á nosa cidade algún galardón.
O Alcalde tamén felicitou ao Club Remo Tui, na persoa do seu Presidente Francisco Javier Álvarez Alonso, que acompañaba aos deportistas, por este gran éxito deportivo. Trátase dun club de recente creación e que nun prazo moi breve xa está situado nos primeiros niveis da competición española, testemuñando un positivo traballo.

Sem comentários:

Enviar um comentário