segunda-feira, 20 de maio de 2013

DEPORTISTAS TUDENSES NOS CAMPIONATOS DE EUROPA


O tudense Manuel Garrido acadou, no selectivo disputado o pasado sábado en Zamora, a súa clasificación para o Campionato de Europa de Maratón que se disputará do 6 ao 9 de xuño na localidade portuguesa de Vila Verde (Braga).
Manu Garrido únese así aos padeeiros do Club Kayak Tudense, Iván Alonso, Óscar Graña e Ramón Ferro, que tamén obtiveron a clasificación para este Campionato de Europa de Maratón ao proclamarse o ano pasado Campións do Mundo en Roma.
Pero Manu e Iván non son os únicos padeeiros que disputarán un Campionato de Europa, xa que José Luís Bouza, Óscar Carrera, Rubén Millán e Gabriel Campo acadaron a súa clasificación para os Campionatos de Europa Absolutos de Pista de Montemor Velho (Portugal), que tamén se disputarán no próximo mes de xuño. Buzo, estará presente neste campionato xunto ao asturiano David Sánchez, na modalidade C2-500 metros, Óscar Carrera competirá en K4 1000 metros, mentres que Rubén e Gabriel competiran xuntos no K2-500 metros.
E na próxima fin de semana, as posibilidades dos padeeiros do Club Kayak Tudense seguen coa disputa do último selectivo, no que Joan Ardit en K1 200, Ana Varela e Carla Pérez en K2 200, Luís Figueira e David Costa en C2 200 e Roi Rodríguez en K1 1000, poderán obter a merecida clasificación para os Campionatos de Europa, o que reflicte o gran traballo realizado polos técnicos e xunta directiva do club tudense, ao clasificar xa a oito padeeiros, podendo chegar ata os 14 deportistas.
Por outra banda, Gustavo Rodríguez acadou a 11ª posición no Campionato de Europa de Triatlón de Media Distancia disputado este domingo na localidade barcelonesa de Calella, no que venceu o atleta galego Javier Gómez Noya.
Tavo Rodríguez, aínda que cometeu un erro na proba de natación, perdendo 10’ con grupo de cabeza, remontou oitenta posicións na disciplina da bicicleta, mantendo esa 11ª posición na proba da carreira a pé.
E no mundo do atletismo, o discóbolo tudense Frank Casañas, acadou a 5ª posición na competición da “Diamond League de Shanghai”, ao lanzar o seu disco á distancia de 62,39 metros.
O Concello de Tui felicita aos padeeiros tudenses e a Tavo Rodríguez e Frank Casañas polos resultados obtidos, así como animan a tódolos tudenses a animar a nosos deportistas nos seus próximos campionatos.

Sem comentários:

Enviar um comentário