segunda-feira, 6 de maio de 2013

Este domingo celébrase a XI Marcha BTT Monte Aloia xunto a unha andaina e unha marcha popular


Máis de 400 persoas van participar esta fin de semana nas tres actividades organizadas polo Club MTB Aloia e a Asociación de Veciños “A Lavandeira” coa colaboración do Concello de Tui. Trátase da XI Marcha BTT Monte Aloia, a III Andaina e a II Marcha Popular de BTT.  Estas probas foron presentadas esta mañá na Casa do Concello de Tui polo alcalde, Moisés Rodríguez, o concelleiro de Deportes, Nicolás Lorenzo, o presidente do Club MTB Aloia, José Carlos Vila e o secretario da AAVV “A Lavandeira” Emilio Alonso. 
O concelleiro de Deportes, Nicolás Lorenzo, agradeceu o empeño e traballo dos organizadores desta actividade nunha xornada dominical de deporte e para coñecer o Monte Aloia, brindándolles o apoio municipal. Amosou amais o edil o seu desexo que para o próximo ano se poidan unir nunha soa marcha as dúas probas de BTT que na actualidade se celebran  en Tui con moi poucas semanas de diferenza, de tal xeito que se faga unha gran marcha con mil participantes, que avanzaba sería todo un éxito. 
O alcalde de Tui, Moisés Rodríguez, sinalou como Tui é unha cidade activa na que se organizan moitos eventos, pondo de relevo o traballo que realizan os distintos colectivos, así como a importancia dos patrocinadores e colaboradores.
A XI Marcha BTT Monte Aloia sairá ás 9.30h do Parque do Montiño en Rebordáns para realizar un percorrido de 28 quilómetros. En primeiro lugar dirixiranse cara o Paseo da Corredoira e logo cara o conxunto histórico, onde os participantes máis atrevidos protagonizarán un dos primeiro momento máis espectacules da marcha coa baixada das escaleiras da Praza da Estrela ata o Paseo Fluvial. Logo terán 15 quilómetros de subida ata o Monte Aloia, e na ruta de regreso novamente outro punto espectacular coa baixada por un cortalumes. Jose Carlos Villa, presidente de MTB Aloia, explicaba que sempre buscan innovar en cada edición. A inscrición para a Marcha pódese facer ata este xoves, 9 de maio, en http://mtbaloia.blogspot.com.es/.
Emilio Alonso, da AAVV “A Lavandeira”, pola súa parte explicou as características da Andaina, dirixida a acompañantes e ao público en xeral, que fará un percorrido circular, de 8 quilómetros, con saída e chegada no Parque do Montiño. Mentres a II Marcha Popular de BTT que irá a ribeira do Louro completará un total de 16 quilómetros. As tres actividades – Marcha, Andaina, e Marcha Popular- coincidirán entorno ás 12h na Poza Baqueiro,onde amais está prevista a actuación da Banda de Bombos de Fonte do Frade. 

Sem comentários:

Enviar um comentário