O alcalde de Tui, Moisés Rodríguez, asistiu esta mañá á presentación de “Sendeiros Rías Baixas” e “Tour Running Rías Baixas” xunto ao vicepresidente da Deputación José Manuel Figueroa e a deputada provincial Begoña Estévez, o alcalde de Cangas, José Enrique Sotelo, e os deportistas Anxo Graña e Juan Romero.
Precisamente o “Tour Running Rías Baixas” comezará o próximo 8 de xuño en Tui coa Eurocidade 10 cun percorrido de 10 quilómetros entre Tui e Valença. Tal e como indicou o alcalde, Moisés Rodríguez, “con esta marcha a Deputación traspasa fronteiras”, augurando un gran éxito para esta proba que xa na edición do pasado ano acadou os 600 participantes. O rexedor local indicou que agarda que este ano a participación “chegue aos 1.000 corredores, grazas ao efecto multiplicador” que ten a súa inclusión nun circuíto da Deputación.
A segunda das carreiras que se integrará nesta iniciativa é a Carreira do Carneiro ao Espeto, que se desenvolverá o 20 de xullo no concello de Moraña, cun percorrido de 8 quilómetros. E a terceira proba será unha media maratón (21 quilómetros) entre os concellos de O Grove e Cambados que se disputará no mes de setembro.
Mentres na iniciativa “Sendeiros Rías Baixas” se organizan 5 andainas de dificultade baixa ou media e de distancias curtas, que se iniciarán o vindeiro 17 de maio en Cangas, co roteiro circular Donón-Monte do Facho, e continuarán ata o mes de setembro con outras 4 rutas: Camiños do Trega en A Guarda; Adro Vello-Con Negro en O Grove; Ruta da Auga, as fontes e os lavadoiros de Parada, en Silleda; e Pontes do Lérez, en Forcarei.
A inscrición será gratuíta tanto para participar en Sendeiros Rías Baixas como no Tour Running e poderá facerse a través da web da Deputación ou nos propios concellos.
Sem comentários:
Enviar um comentário