O Centro Interfederado de Tui vén de ser recoñecido coma Centro Especializado de Tecnificación Deportiva de Remo e Piragüismo polo Consejo Superior de Deportes, CSD. Este era precisamente un dos obxectivos marcados pola concellería de Deportes de Tui para este mandato dado o elevado nivel dos clubs de piragüismo e remo da cidade, así como polos grupos de adestramento de alto nivel que teñen a cidade de Tui como lugar de concentración permanente.
Foi a mediados do pasado mes de febreiro cando o Concello de Tui, da man do Club Kaiak Tudense, Club Remo Tui, Club Remo do Miño, e das Federacións Galegas de Remo e Piragüismo, co apoio da Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, presentou no CSD o proxecto de cualificación desta nosa instalación situada a beira do río Miño. O recoñecemento outorgado agora polo Consejo Superior de Deporte suporá que o Centro Interfederado de Tui se encargará do perfeccionamento daqueles deportistas, de remo e piragüismo, que desenvolven a súa actividade fundamentalmente no seu ámbito territorial. Posibilitará amais obtención de axudas nacionais do CSD, que poidan axudar á mellora tanto das propias instalacións como da formación dos deportistas que adestren e se concentren no mesmo. O de Tui será o 28º Centro Especializado de Tecnificación Deportiva recoñecido a nivel estatal polo CSD, sendo o primeiro destas características en Galicia.
O Concello de Tui amosa a súa satisfacción por esta cualificación como Centro Especializado de Tecnificación Deportiva de Remo e Piragüismo xa que supón un paso cualitativo moi importante que repercutirá positivamente nos deportistas locais. Engade que o feito de que o Centro Interfederado pase a ser tamén CETD suporá que estas instalacións poidan ser un referente tamén para as súas concentracións a equipos e seleccións tanto de remo coma de piragüismo.
Sem comentários:
Enviar um comentário