Iván Alonso, dobre Campión de España en K1 e K2, Manu Garrido, bronce en C1 e Óscar Graña e Ramón Ferro, ouro en C2.
A pasada fin de semana celebrouse en Badajoz o Campionato de España de Maratón de Piragüismo, onde os padeeiros do Club Kayak Tudense acadaron uns magníficos resultados.
Iván Alonso proclamouse dobre Campión de España, tanto na proba de K1, celebrada o sábado, como xunto ao seu compañeiro do K2, Emilio Merchán, na xornada do domingo. Con estes resultados, Iván Alonso acadou a súa clasificación para os Campionatos de Europa e do Mundo, que se disputarán en próximas datas.
Pola súa parte, Manuel Garrido e David González, na modalidade C1, obtiveron a terceira e cuarta posición respectivamente, por detrás dos galegos Tono Campos e David Mosquera, quedándose ás portas da súa clasificación para o Campionato de Europa.
Os padeeiros do C2, Óscar Graña e Ramón Ferro, acadaron o triunfo neste campionato, obtendo a medalla de ouro e a clasificación, como Iván Alonso, para os Campionatos de Europa e do Mundo.
Por último, os representantes do Club Kayak Tudense na categoría de veteranos demostraron un alto nivel de preparación, dado que Enrique Míguez acadou a medalla de ouro en C1, e Alberto Díaz obtivo unha meritoria quinta posición en K1.
O Concello de Tui felicita a estes padeeiros polos excelentes resultados acadados a pasada fin de semana no Campionato de España de Maratón de Piragüismo, así como aos seus adestradores e directivos do Club Kayak Tudense.
Sem comentários:
Enviar um comentário