Este sábado, 31 de maio, volve celebrarse o Mercado da Verdura no antigo Cárcere de Tui, no Casco Histórico, acollendo produtos ecolóxicos de produtores locais tales coma queixos, leitugas, fabas, pan ou viños. Haberá tamén degustación destes produtos elaborados nesta ocasión por un establecemento de hostalaría do casco vello.
A iniciativa, que se puxo en marcha o pasado mes de abril co obxectivo de proporcionar un espazo de venda aos produtores locais así coma medio de dinamización do conxunto histórico, celébrase cada segundo e último sábado de mes de 9h a 14h coa inclusión de actividades paralelas para dar a coñecer os produtos ofertados a través de degustacións entre outras moitas actividades.
A súa singularidade, nun enclave emblemático da cidade coma é o Cárcere Vello, permite ao público coñecer os produtos da zona cun trato directo co produtor así coma o coñecemento deste espazo declarado Conxunto Histórico Artístico de interese nacional no ano 1967. As pasadas edicións celebradas foron un éxito coa venda total dos produtos ofertados, exemplo do interese da cidadanía polos produtos ecolóxicos de calidade.
Esta actividade está promovida polo Concello de Tui, o Foro Tude e a Asociación de Produtores Ecolóxicos Galegos, APEGA.
Sem comentários:
Enviar um comentário