A Xunta de Goberno do Concello de Tui aprobou provisionalmente, o pasado xoves, o documento do Plan Especial de Protección do Conxunto Histórico de Tui, PEPCHA, o que supón entrar na recta final da súa tramitación.
O Plan Especial de Protección do Centro histórico aprobouse inicialmente o 22 de marzo de 2012. Permaneceu en exposición pública do 11 de abril até o 11 de xuño de 2012, tempo no que foron presentadas un total de 123 alegacións e foron atendidas máis de 200 persoas ou grupos de persoas, sendo consultadas as condicións urbanísticas de máis de 350 propiedades (máis do 50 % do total). Neste tempo a web sobre o Plan (http://www.pepchatuiotea.es/) recibiu un total de 1.739 visitas.
Das 123 alegacións presentadas estimáronse, total ou parcialmente, 93 alegacións, un 76% do total das presentadas. No documento de aprobación provisional se incorporaron as modificacións tanto das alegacións estimadas así coma do Informe da Dirección Xeral de Patrimonio e do resto de Informes Sectoriais. Os cambios non supoñen modificacións substanciais, polo que non se precisa dun novo proceso de exposición pública. A páxina web coa documentación da aprobación inicial será actualizada cando se aprobe definitivamente.
A aprobación provisional do documento do PEPCHA é un acto de trámite, tras o cal se precisa requirir informe á Dirección Xeral de Patrimonio, que terá un prazo máximo de tres meses para emitilo (Lei 8/1995, de 30 de outubro, de Patrimonio cultural da Comunidade Autónoma de Galicia), e á Secretaría Xeral de Urbanismo, que terá un prazo máximo de dous meses para emitilo (Lei 9/2002, de 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia). Transcorridos estes prazos, os informes enténdense favorables.
Por tanto, unha vez enviados os documentos á Xunta poderíase proceder á aprobación definitiva do Plan, nun prazo máximo de tres meses, se os informes non requirisen ningunha corrección, polo que a aprobación definitiva chegaría despois do verán. Se dos informes se concluíse que se precisan correccións, estas introduciríanse no documento previo á súa aprobación definitiva. En todo caso, antes de final de ano o Plan Especial de protección do Centro histórico de Tui podería estar aprobado definitivamente.
Obxectivos do PEPCHA
Un dos obxectivos principais do PEPCHA é a peonalización da zona de intramuros. Para iso é necesario crear novas zonas de aparcadoiro, por unha parte na zona traseira do Seminario xa contemplada no PXOM, así como un aparcadoiro en superficie na zona do embarcadoiro e un aparcadoiro soterrado na zona das pistas deportivas do Seminario. Baralláronse tamén outras alternativas que foron descartadas, entre outros motivos, polo seu elevado custe, coma a do Baluarte do Olmo ou un aparcadoiro subterráneo na Corredoira. A decisión final será acordada coa Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.
A aprobación definitiva do PEPCHA, suporá dotar de seguridade xurídica ao propietarios de inmobles na zona, que poderán obter as licenzas con maior rapidez que ata o de agora. O Plan tamén regulará os usos no ámbito do Centro histórico e potenciará a súa rehabilitación e revitalización, e permitirá acceder a maiores axudas para a rehabilitación.
Tras aprobarse a novo PXOM no ano 2011, a aprobación do PEPCHA suporá un logro histórico ao dotar a Tui do primeiro Plan Especial de Protección do Centro histórico desde a declaración no ano 1.967 do Conxunto Histórico de Tui a cidade de Tui como Ben de Interese Cultural.
Sem comentários:
Enviar um comentário