O Teatro Municipal de Tui acolle o próximo martes, 20 de maio, ás 20.30h, un recital de Amancio Prada baixo o título de “A Rosalía de Federico”. Trátase dun espectáculo músico-teatral cun diálogo a tres bandas entre Federico García Lorca, Rosalía de Castro e Amancio Prada.
A presentación deste recital tivo lugar esta mañá na casa do Concello de Tui por parte do alcalde de Tui e deputado provincial, Moisés Rodríguez, e da deputada de Cultura, Ana Isabel Vázquez.
O alcalde de Tui, Moisés Rodríguez, lembrou que Amancio Prada actuou xa en anteriores ocasións na cidade, apuntando que neste caso o seu recital realízase nunha semana marcada pola celebración do Día das Letras Galegas.
A deputada Ana Isabel Vázquez, explicou que a actuación en Tui forma parte dun ciclo de recitais que do 16 ao 25 deste mes de maio realiza este artista pola provincia de Pontevedra. Destacou o especial deste recital no que se mestura a música e o teatro.
O eixo central do recital son “Seis poemas gallegos” que Lorca escribiu entre 1932 e 1934 dende a súa admiración por Rosalía. Baseándose na idea orixinal do director de escena José Luís Gómez, Amancio Prada reconstrúe as pegadas que polos camiños da poesía conducen ao reencontro coa ausencia, a presenza da vinculación á terra, e as persoas coa memoria dos seus soños. Neste recital Amancio Prada aborda composición inéditas ata o momento no seu repertorio.
Sobre o escenario Amancio Prada que amais de cantar tocará a guitarra e a zanfona, estará acompañado ao acordeón por Cuco Pérez.
As entradas sen numerar, cun máximo de dúas por persoa, pódense retirar de xeito gratuíto o propio martes dende ás 20h no Teatro Municipal. Unha vez comezado o espectáculo non se poderá acceder ao teatro.
Este recital está organizado pola Deputación de Pontevedra coa colaboración do Concello de Tui.
Sem comentários:
Enviar um comentário