sexta-feira, 23 de maio de 2014

Ese domingo celébrase en Tui a III Big Ride coa participación dos corredores máis recoñecidos a nivel mundial

Un ano máis os amantes da bicicleta de montaña teñen cita este domingo en Tui para disputarse os primeiros postos na III Big Ride Tui, segunda proba del Open de España de Enduro BTT 2014.
Cun percorrido total de 42km e un desnivel acumulado de máis de 2000 metros, os máis de 300 participantes percorrerán os camiños do Monte Aloia e arredores con 5 tramos cronometrados sendo o nivel físico esixido máis alto co do ano pasado.
A saída terá lugar ás 8:30h no Paseo da Corredoira lugar no que terá lugar tamén  a entrega de premios ás 16h. 
Un total de 15 ciclistas internacionais participarán tamén nesta competición acollendo os de maior nivel de Francia, Estados Unidos, Alemaña, Suecia E Portugal, os cales probarán neste percorrido prototipos de pezas novas de bicicletas BTT. Todos eles partirán o luns desde O Porto cara Escocia, para participar na segunda proba do circuíto mundial desta modalidade que se celebrará a vindeira fin de semana.
Hoxe tiña lugar a presentación no Parador de Tui á que acudiron o alcalde de Tui, Moisés Rodríguez, o secretario Xeral de Deportes da Xunta de Galicia, Jose Ramón Lete Lasa, o concelleiro de Deportes, Nicolás Lorenzo, o xerente da empresa tudense Sherpa Project, Guti Martín, e o ciclista californiano, Ben Cruz  do equipo Cannondale que participará na proba.
O concelleiro de Deportes, Nicolás Lorenzo, quixo agradecer a labor que a empresa Sherpa Project está a facer, xa que a organización deste evento en Tui é posible grazas a eles. Agradecemento que o director, Guti Martín, acolleu e aproveitou para destacar á súa vez a colaboración dos novos patrocinadores  que se uniron este ano, algo que non é doado nos tempos que corren. Lamentou tamén a baixa do actual Campión do Mundo, Jerome Clementz, quen finalmente non poderá asistir por unha recente rotura de clavícula.
O ciclista californiano Ben Cruz,de 23 anos de idade, agradeceu a invitación a este evento que, nas súas palabras, funciona cunha excelente organización.
Para o secretario Xeral de Deportes da Xunta de Galicia, José Ramón Lete Lasa, a celebración do Big Ride en Tui é un exemplo da aposta polo deporte das dúas rodas, fomentando o uso deste vehículo, o que se espera, nun futuro moi próximo, sexa cada vez máis empregado polos cidadáns avogando por uns hábitos de vida respectuosos co medio ambiente.
O alcalde de Tui, Moisés Rodríguez, quixo facer fincapé, aproveitando a presenza do Secretario Xeral de Deportes da Xunta de Galicia, do premio Galicia Saudable concedido á Eurocidade polas súas actividades deportivas, premio que supuxo o motor de arranque para apostar polos deportes en diferentes categorías.
Os espectadores que vaian seguir a carreira  poderán recoller o mapa do circuíto a partir de hoxe venres na Oficina da Carreira situada no edificio da Área Panorámica de Tui. Na parte traseira do edificio estará situado o punto de lavado de bicicletas e as carpas de asistencia e avituallamento dos participantes.

Sem comentários:

Enviar um comentário