Este domingo, 1 de xuño, a partir das 15.00 horas, no novo pavillón deportivo municipal de Tui, terá lugar o acto de clausura das escolas deportivas de patinaxe da Deputación de Pontevedra en Tui, organizado pola propia Deputación de Pontevedra, o Concello de Tui, a Federación Galega de Patinaxe, e coa colaboración do Club de Patinaxe Artístico Ribex de Tui.
Ao redor de 1.000 patinadores e patinadoras procedentes das escolas de Tui, Vigo, O Rosal, Goián, Gondomar, Soutelo de Montes, Forcarei, Cambados, Soutomaior, Tomiño, Lalín, Campo Lameiro, Poio, Agolada, Ribadumia, Valga, Vincios, Belesar, Moraña e Pontevedra, mostrarán ao público asistente os coñecementos adquiridos ao longo da tempada de adestramentos, que dende o mes de outubro do ano pasado levan producíndose nas distintas localidades da provincia.
Dende as 10.00 horas da mañá, o pavillón deportivo acollerá os adestramentos de todos os grupos participantes, e a partir das 14.45 horas, as portas do pavillón municipal se abrirán para o público asistente.
O pasado martes, na presentación da III Eurocidade 10, a Deputada Provincial Begoña Estévez, agradeceu a boa organización do acto de clausura que se realizou en Tui o ano pasado, indicando o aumento do número de nenos e nenas que participarán nesta nova edición.
O alcalde de Tui, Moisés Rodríguez, sinala que é unha honra poder acoller por segundo ano consecutivo este acto de clausura das escolas de patinaxe a nivel provincial grazas ás boas instalacións deportivas con que conta a cidade e ao feito de ser a Escola de Patinaxe de Tui unha das máis numerosas a nivel provincial.
Sem comentários:
Enviar um comentário