O sábado 17 de maio celebrase a XI Andaina Tudense Solidaria organizada polo Club AndaTui Rego da Pedra en colaboración co Concello de Tui. O alcalde de Tui, Moisés Rodríguez, o concelleiro de Deportes, Nicolás Lorenzo, e o de formación, José Ángel Villaverde, presentaron hoxe esta actividade xunto ao presidente e tesoureiro do Club Anda Tui, José Martínez Tato e Xosé Manuel Novoa Fernández.
José Martínez Tato, explicou que cando comezaron hai once anos non era doado organizar este tipo de actividades, apostando pola mesma para dar a coñecer tanto os paraxes de Tui coma do Monte Aloia. Nese senso destacada coma das once edicións en nove subiuse ata o cumio deste monte facéndoo sempre por rotas diferentes. Con respecto á andaina do próximo día 17 indicou que está pensada para todos cun percorrido de 28 quilómetros ao longo do día.
O concelleiro de Deportes, Nicolás Lorenzo, salientou coma esta proba é unha das que máis tempo se levan celebrando na cidade. Fixo referencia ao bo traballo realizado polo club AndaTui así coma a faceta solidaria desta actividade en beneficio do Centro San Xerome.
Mentres o alcalde de Tui incidiu na importancia de seguir fomentando o deporte e os hábitos saudable. Gabou o bo facer da organización polo que amosou o seu convencemento en que esta edición volverá ser un éxito.
A XI Andaina Tudense sairá ás 9.30h das instalacións do Centro Interfederado na beira do Miño para realizar un percorrido de 28 quilómetros polo casco histórico da cidade, a parroquia de Rebordáns, o río Deique, a Pedra do Acordo, subirá ata o cumio do Monte Aloia, e tras o xantar volverá baixar ata Tui pasando polo Castro do Alto dos Cubos e os muíños do Tripes. Como actividades paralelas convocan o III concurso de fotografía, e celebrarán no remate a carreira de aros para os máis cativos, unha chourizada e sorteo de agasallos.
Os interesados poden inscribirse até o próximo luns, 12 de maio, ás 14h en http://www.andatui.es/ aboando os 12 da inscrición – dos que 2€ serán doados ao Centro San Xerome - que inclúe camiseta conmemorativa, gorra e coma avituallamento ao longo do percorrido. Os organizadores agardan volver reunir 300 participantes ao igual que na última edición.
Sem comentários:
Enviar um comentário