Hai uns días o alcalde de Tui, Moisés Rodríguez Pérez, e o presidente da Câmara Municipal de Valença, Jorge Salgueiro Mendes, acompañados do concelleiro de Tui, José Angel Villaverde Rocha e do vereador de Valença, José Monte, recibiron na Casa do Concello de Tui ao novo equipo directivo da AECT Galicia – Norte de Portugal. A reunión serviu para presentar ao equipo directivo da Oficina de cooperación transfronteiriza da Eurorrexión, composto pola súa directora – a portuguesa Maria Geraldes - e o Secretario – o galego Xosé Lago-. Na xuntanza, abordáronse entre outras cuestións dúas actuacións de carácter transfronteirizo que van ter lugar na Eurocidade nas vindeiras datas: Un encontro sobre “A colaboración en rede na promoción do cooperativismo e a economía social: a Rede Eusumo”, e uns “Job Days Galicia – Norte de Portugal”.
A primeira destas actuacións terá lugar o vindeiro martes, 27 de maio, na Aula UNED de Tui. Este encontro ten como obxectivo o fortalecemento da colaboración institucional e a intercooperación entre as entidades de economía social de Galicia e do Norte de Portugal. Ademais, disporase dun espazo no que se exhibirá unha mostra de produtos e servizos das cooperativas da Eurorrexión no que poderán presentar as súas propostas empresariais. As persoas destinatarias desta actividade son, principalmente, os axentes públicos e privados relacionados coa promoción do cooperativismo e o autoemprego na Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal: axentes de emprego e desenvolvemento local, persoas socias de cooperativas xa constituídas, persoas que estean interesadas en emprender e público en xeral.
Pola súa banda, os “Job Days Galicia – Norte de Portugal” celebraranse o martes 17 de xuño, na Área Panorámica de Tui. No marco da campaña GALICIA-NORTE DE PORTUGAL JOB DAYS, varios organismos (a AECT, o EURES transfronteirizo Galicia – Norte de Portugal, a Xunta de Galicia, a Comisión de Coordinación e Desenvolvemento Rexional do Norte de Portugal, o concello de Tui, a Cámara de Valença e organizacións empresariais como ASIME e AIMMAP) están a organizar un Job Day, concibido como un encontro dedicado a facilitar o contacto entre empresarios e profesionais do sector metalúrxico e promover así a mobilidade e a colocación/contratación no territorio da Eurorrexión Galicia – Norte de Portugal. Este primeiro Job Day terá un área de exposición e stands, destinados fundamentalmente ao intercambio de información cos candidatos ás prazas vacantes que previamente se teñan ofertado; á realización de entrevistas cos candidatos; e á publicitación das ofertas de emprego nunha plataforma informática especialmente habilitada para o evento. Tamén haberá conferencias e presentacións temáticas especializadas, sobre temas como o desprazamento de traballadores entre Galicia e Portugal; os procedementos da contratación transfronteiriza; o funcionamento do servizo EURES; a situación e tendencias do mercado laboral; as vacantes de difícil cobertura; os apoios á mobilidade transfronteiriza; ou as temáticas da Innovación nas Pequenas e Medianas Empresas e os Fondos Europeos para as empresas no período 2014-2020.
Sem comentários:
Enviar um comentário