No mesmo dábase un prazo de tres meses á entidade para solucionar o problema dos afectados polas preferentes e subordinadas
O Concello de Tui procedeu á retirada de fondos de NovaGalicia Banco dando cumprimento ao acordo plenario adoptado por unanimidade o pasado 30 de decembro se a entidade bancaria nun prazo de tres meses non solucionaba o problema dos afectados polas preferentes e subordinadas.
Dende o departamento de Intervención-Tesourería do Concello de Tui cursaron invitacións a seis entidades bancarias con oficina en Tui para que achegaran as súas propostas para a colocación dun depósito dun millón de euros e para a apertura de conta, no que se tivo en conta para a selección o tipo de interese trimestral ofertado para o depósito e para remuneración da conta financeira.
Unha vez pechado o prazo de presentación das propostas o pasado 9 de abril, a proposta máis vantaxosa para o concello foi a do Banco Sabadell para a constitución do depósito por importe dun millón de euro cun tipo de interese dun 1,25% TAE, e do Banco Sabadell e Banco Popular, para a apertura dunha conta financeira de colocación de excedente cun tipo de interese dun 1% TAE ingresando 2.387.081,82€ no Banco Sabadell e 1.300.000€ no Banco Pastor.
Sem comentários:
Enviar um comentário