O próximo martes, 17 de febreiro, -festivo local na cidade- ás 17.30h comezará nas rúas novas de Tui o Desfile-Concurso de Comparsas de Entroido organizado polo Concello de Tui. En caso de choiva aprazarase para o sábado 21 á mesma hora. No mesmo participarán un total de nove comparsas, das que seis son de Tui e as outras tres de Salceda, Vigo e Tomiño, sumando en conxunto máis de 600 persoas. Coma cada ano agárdase que miles de persoas ateiguen as rúas Compostela, Betanzos, Irmáns Maristas, A Guarda e Casal Aboy. O evento será presentado polo polifacético Xosé Antonio Touriñán.
A primeira comparsa en desfilar será O Borralliño de Soutelo con "Missipi River", seguida do "Movemento Exipcio" da Asociación Cultural Santa Columba de Ribadelouro. Segundo a orde establecida mediante sorteo a terceira comparsa será Luces de Tomiño con "O Carnaval máis internacional", e os "Mariñeiros" da Asociación Cultural San Fins de Rebordáns. "Taça Eurocidade" é o título da comparsa da Asociación Cultural e Recreativa Arume de Malvas, e "Lembranzas do Medievo" a que achegará a Asociación Cultural Lembranzas da Terra de Guillarei. Mentres a Asociación Cultural O Mosteiro de Pexegueiro desfilará baixo o título de "Invasión asiática" e "Priscila, raíña do deserto" é a comparsas que chegará da Sociedade Cultural e Deportiva Atlántida de Matamá de Vigo. Pechará o desfile a comparsas Cantos Somos de Tui co lema "Cantos Somos, chourizos ao caldeiro". En total serán repartidos máis de 4.700€ en premios, 3.750 en asignacións por participación e 300 euros en trofeos.
Todas as comparsas deberán tomar parte o próximo domingo, 22 de febreiro, no Enterro do Bacallau que sairá ás 19.30h dende a Praza de San Fernando.
Debido á celebración do Desfile de Entroido estarán pechadas e ao tráfico, e non se poderá estacionar, dende ás 14h as rúas Casal Aboy, Compostela, Betanzos, Irmáns Maristas, Ourense, A Guarda e Mondoñedo.
Sem comentários:
Enviar um comentário