O venres ás 20h representarán “Martes” dirixida a público familiar
Este venres chega ao seu remate a programación deste semestre no Teatro Municipal de Tui. A compañía Baobab Teatro de Pontevedra será a responsable de pechar esta programación coa representación de “Martes” unha obra de monicreques dirixida a público familiar. A cita será ás 20h.
“Martes” é unha obra de monicreques recomendada a partir dos 2 anos. Está dirixida por Andrea Bayer e Óscar Ferreira e protagonizada por este último xunto a Xurxo Cortázar coma manipuladores. Trátase dunha obra feita integramente coa técnica coñecida como luz negra, de tal xeito que os monicreques semellan flotar no aire como por arte de maxia.
Martes, o protagonista, é un ser espacial que vive entre as estrelas e a lúa. Un día, un monstro come ao seu amigo Pin e as súas estrelas. Para salvalos Martes terá que enfrontarse ao seus medos e emprender unha viaxe máis alá do sol. O espectáculo ten unha duración de 45 minutos.
Baobab Teatro creouse en 2010 da man de Andrea Bayer e Óscar Ferreira, que contan cunha dilatada experiencia no eido do teatro infantil. Dende entón apostan por espectáculos para emocionar, cargados dunha forte poética e sinxeleza.
As entradas están á venda en www.culturatui.info ata o venres ás 13h ou o venres dende ás 18.30h no despacho de billetes ao prezo de 3,5€ e 2,5€.
Baobab Teatro con “Martes”
Lugar: Teatro Municipal de Tui
Data: Venres, 15 de maio, ás 20h
Venda de entradas: en www.culturatui.info ata o venres ás 13h ou o venres dende ás 18.30h no despacho de billetes ao prezo de 3,5€ e 2,5€.
Sem comentários:
Enviar um comentário