sexta-feira, 15 de maio de 2015

Tui celebra a XVIII Feira do Libro co gallo do Día das Letras Galegas

As tres librarías tudenses participantes ofrecerán descontos dun 10% en todos os seus libros
Este domingo, 17 de maio, celebrarase a XVIII Feira do Libro Galego, no Paseo da Corredoira, con motivo do Día das Letras Galegas, dedicado este ano a Xosé Fernando Filgueira Valverde. Esta actividade está organizada polo Concello de Tui coa colaboración das librarías tudenses Espazo Lector, Iris e Valverde que ofrecerán un 10 % de desconto, e de ACITUI..
Esta mañá na sala de reunións do Concello de Tui tivo lugar a presentación da Feira do Libro de Tui, coa presenza do alcalde de Tui, Moisés Rodríguez, da concelleira de Cultura, Vanesa Rodríguez, xunto aos representantes das librarías tudenses Javier Oliveira de Espazo Lector Nobel, Rosa Alonso de Iris e Maruchi Valverde de Valverde, e a presidenta de ACITUI, Pilar Besada.
O alcalde de Tui, Moisés Rodríguez, quixo pór de manifesto o labor das librarías, xa que sen o seu traballo non se podería organizar a Feira. Tamén deu a benvida a un novo establecemento que vai abrir en Tui, o Espazo lector Nobel.
A concelleira de Cultura, Vanesa Rodríguez, destacou que haberá unha véntena de postos de venda de libros a cargo das librarías tudenses explicando a ampla programación que se poderá disfrutar ao longo do día con poesía, música tradicional, xogos populares e maxia.
Os libreiros que participan na Feira do Libro de Tui agardan que este ano as vendas crezan, agardando que o bo tempo previsto favoreza a asistencia de público. Salientaron que festexarán o Día das Letras Galegas tendo coma protagonista o libro na nosa lingua.
A programación prevista comezará o domingo ás 12h coa inauguración a cargo de Xosé Manuel López, profesor do IES Indalecio Pérez Tizón e autor de varios libros sobre xoguetes populares. A continuación a Asociación de Amigos da Poesía do Baixo Miño ofrecerá un recital poético. Ás 12.20h está prevista a actuación do grupo folclórico Arume de Malvas, e ás 13h será a quenda do grupo folclórico O Mosteiro de Pexegueiro.
A partir das 16h no mesmo Paseo da Corredoira haberá inchables para os máis cativos. A Ludoteca Xiramundos fará xogos populares de 16.30h a 18.30h. Ás 17.30h actuará a Banda de Gaitas San Xoán de Paramos e por último ás 20h o grupo folclórico Santa Columba de Ribadelouro estará no Paseo da Corredoira. Os postos das librarías tudenses permanecerán abertos ata ás 22h ofrecendo un amplo catálogo de libros escritos en galego, onde estarán as obras do Xosé Filgueira Valverde, homenaxeado este ano, pero tamén de autores clásicos das nosas letras, as últimas novidade editoriais e as obras de escritores tudenses.
XVIII Feira do Libro Galego
Domingo, 17 de maio, de 12 a 22h
No Paseo da Corredoira de Tui
22 postos das librarías Espazo Lector Nobel, Iris e Valverde. Colabora: ACITUI
Programación
  • Ás 12:00h Inauguración a cargo de Xosé López, profesor e escritor
  • Ás 12:10h Recital de poesía a cargo da Asociación Amigos da Poesía do Baixo Miño
  • Ás 12:20h Actuación do Grupo de Música Tradicional Arume de Malvas
  • Ás 13:00h Actuación do Grupo Folclórico O Mosteiro de Pexegueiro
  • De 16:00h a 20:00h Inchables
  • De 16:30h a 18:30h Xogos Populares Coa”Ludoteca Xiramundo”
  • De 17:00h a 20:00h “A Feira Máxica Do Mago Teto”, carpa de maxia con pases de 10 min para 10 persoas
  • Ás 17:30h Actuación da Banda de Gaitas San Xoán de Paramos
  • Ás 20:00h Actuación do Grupo Folclórico Santa Columba de Ribadelouro

Sem comentários:

Enviar um comentário