Esta fin de semana celébrase no Conxunto Histórico XIX Feira de Artesanía de Tui organizada polo Concello co obxectivo de revitalizar esta zona da cidade apostando ao tempo pola artesanía.
A presentación desta actividade tivo lugar esta mañá na Casa do Concello de Tui por parte do alcalde de Tui, Moisés Rodríguez, a concelleira de Cultura, Vanesa Rodríguez, xunto a Begoña Lobato e Encarnación Carnero da Asociación de Palilleiras do Baixo Miño, María del Mar Fandiño Alonso da Asociación Xuvenil e Cultural do Traxe de Tui, e os artesáns tudenses Mª José Vázquez Pérez, Mª Jesús Pérez Diz e Juan Antonio Fontán Monteiro.
Marroquinería, cerámica, bixutería, cestería, pratería, xoeiría, instrumentos tradicionais son algúns exemplos dos produtos que se poderán ver e mercar na feira e que estarán presentes nos trinta postos de artesáns. Dez deles son de Tui, dezanove da provincia de Pontevedra e un da provincia de Ourense.
O alcalde de Tui, Moisés Rodríguez, agradeceu a presenza dos artesáns que acoden anualmente á Feira e apuntou que é moi ilusionante converter unha afección en profesión e nunha forma de vida.
A concelleira de Cultura, Vanesa Rodríguez, explicou na súa intervención que esta actividade se realizará nas ubicacións habituais que son a rúa Ordóñez, e nas prazas do Concello e de San Fernando. Animou ademais aos tudenses e visitantesa que acudan a ver os traballos artesanais que se exporán ao aire libre.
Os artesáns que asistiron á presentación deron conta dos produtos e técnicas que estarán presentes na Feira. A palilleira Begoña Lobato apuntou que explicarán, en directo, algunhas das técnicas que utilizan para facer os seus encaixes. Pola súa parte, María del Mar Fandiño, da Asociación do Traxe de Tui, relatou que estarán na Praza de San Fernando, onde amosarán as técnicas para confeccionar un traxe e levarán un exemplo elaborado polas alumnas da Asociación. Finalmente, a artesá María José Vázquez, contou que se dedica á cestería e as elaboracións que presentará na Feira estarán feitas con madeira de castaño.
Acompañando á feira haberá animación nas rúas de Tui a cargo dos grupos folclóricos das parroquias da cidade.
Debido á celebración da Feira de Artesanía dende mañá venres ás 7h e ata o luns ás 11 non poderá circular nin estacionar na rúa Ordóñez.
XIX Feira de Artesanía de Tui
Sábado 9 e domingo 10 de 12 a 33h
30 postos de exposición e venda de artesanía
Participación da Asociación de Palilleiras do Baixo Miño e da Asociación Xuvenil e Cultural do Traxe de Tui con bordado ao aire
Na rúa Ordóñez, na Praza do Concello e na Praza de San Fernando
Sábado 9
Ás 12.00h Grupo folclórico Seixos Albos de Areas
Ás 13.00h Grupo folclórico Refaixos e Polainas de Baldráns
Ás 17.00h Grupo de gaitas A Insua de Caldelas
Ás 18.30h Grupo folclórico Lembranzas da Terra de Guillarei
Ás 20.00h Grupo folclórico San Xoán de Paramos
Domingo 10
Ás 12.00h Grupo folclórico Inquedanzas de Pazos de Reis
Ás 13.00h Grupo folclórico San Fins de Rebordáns
Ás 17.00h Grupo folclórico Xuntanza de Randufe
ÁS 18.30h Grupo folclórico O Mosteiro de Pexegueiro
Ás 20.00h Grupo folclórico Santa Columba de Ribadelouro
Sem comentários:
Enviar um comentário