A Xunta de Galicia concedeu ao Concello de Tui un novo obradoiro de emprego logo de aprobar favorablemente o proxecto “Descubre Tui 2015” presentado pola entidade municipal.
O obradoiro terá unha duración de seis meses nos que se formarán vinte alumnos nas especialidades de “Promoción turística local e información ao visitante” e “Deseño de produtos gráficos”. Este obradoiro contará cunha subvención da Consellería de Traballo e Benestar de 178.157€.
Segundo se recolle na memoria do proxecto presentado ante a Xunta na primeira das especialidades “Promoción turística local e información ao visitante” os alumnos, ao través da Oficina Municipal de Turismo e doutros axentes sociais, recompilarán información para a realización dunha guía de recursos, de Tui e da contorna. Levarán a cabo actividades coordinadas pola Concellería de Turismo de Tui relacionadas coa promoción do turismo fluvial, ou farán visitas guiadas polo Conxunto Histórico entre outras actuacións coma a participación na organización, xestión e difusión de paquetes turísticos, ou a colaboración na organización e promoción de eventos coma as Festas de San Telmo ou as feiras que se celebran na cidade, así coma a promoción do Camiño de Santiago.
Coa especialidade de “Deseño de produtos gráficos” levaranse a cabo realización de materiais gráficos en moitas áreas administrativas, pero sobre todo en cultura e turismo; xa que habitualmente son as que máis precisan deste tipo de servizos.
A selección do alumnado realizarase ao través da Oficina de Emprego entre persoas maiores de 18 anos, en situación de desemprego.
Sem comentários:
Enviar um comentário