terça-feira, 5 de maio de 2015

O padeeiro Óscar Carrera logrou a medalla de bronce no Campionato de Europa De Piragüismo

Roi Rodríguez e Ana Varela, tamén do Club Kaiak Tudense, obtiveron uns resultados destacados
O piragüismo tudense atópase, como nos últimos anos, ao máximo nivel nacional e internacional. Se o Club Kaiak Tudense acadaba hai uns días o primeiro posto na Copa de España de 1.000 metros en Trasona, Luís Fernández, do Club Piragüismo Penedo, competía no Campionato do Mundo de Slalom en Foz de Iguazú obtindo o sexto posto, e Manuel Garrido e Enrique Míguez do Club Kayak Tudense e Pedro Areal, do Breogán de O Grove, acadaron a medalla de ouro na Copa de España de Media Maratón en Mérida, esta fin de semana tres padeeiros de Tui participaron no Campionato de Europa en Racice (República Checa).
Así, Óscar Carrera, integrante do equipo K4 1.000 metros, xunto a Rodrigo Germade, Javier Hernanz e Íñigo Peña, acadaron a medalla de bronce no Europeo cun tempo de 2:58.572, tras a embarcación dos anfitrions (2:57.280) e o K4 portugués (2:58.152), actual subcampión do Mundo.
Óscar Carrera, e o resto do equipo español ,seguirá concentrado no Centro de Alto Rendemento de Madrid, preparando a gran cita do ano, o Mundial de Milán a finais do mes de agosto, onde buscarán a clasificación para o Xogos Olímpicos de Río 2016.
Na competición K1 500 metros, Roi Rodríguez clasificouse en sexta posición, quedando a tan só dous segundos do campión, o danés Rene Poulsken, e a padeeira Ana Varela, integrante do K4 500 metros, non poido acadar a final neste Europeo.
O Concello de Tui felicita a Óscar Carrera, pola consecución da medalla de bronce neste Europeo, a Roi Rodríguez e Ana Varela pola súa participación nesta importante proba, así como aos padeeiros e clubs tudenses de piragüismo, polos éxitos acadados nesta tempada.

Sem comentários:

Enviar um comentário