Os máis de 1.500 espectadores e ao redor de 950 patinadores/as gozaron o domingo, dunha xornada de patinaxe en Tui
O sábado pola tarde disputouse, ante o numeroso público que encheu o vello pavillón deportivo municipal tudense, o partido de ascenso a Liga Galega Cadete, entre o C.B. Tui Construcciones Cal e o C.B. Marín Peixegalego, onde os de Tui acadaron o ascenso á Liga Galega Cadete. Este equipo xa se proclamou campión de liga no grupo de Vigo, e se clasificaron para a fase de ascenso xunto a outros equipos de Pontevedra e Ourense, obtendo a única praza do sur de Galicia para a división de honra do baloncesto galego na categoría cadete.
O Concello de Tui felicita aos xogadores do equipo cadete do Club Baloncesto Tui por este ascenso, así como ao seu adestrador Miguel Ángel Simón e aos directivos do CB Tui polo magnífico traballo realizado durante toda a tempada.
E na xornada do domingo celebrouse na nosa cidade o acto de clausura das Escolas Deportivas de Patinaxe da Deputación de Pontevedra, no que participaron ao redor de 950 nenos e nenas procedentes das 25 escolas deportivas da provincia de Pontevedra, pertencentes ás localidades de Vigo, O Rosal, Goián, Gondomar, Soutelo de Montes, Forcarei, Cambados, Soutomaior, Tomiño, Lalín, Campo Lameiro, Poio, Agolada, Ribadumia, Valga, Vincios, Belesar, Moraña e Pontevedra.
Dezanove autobuses chegaron a Tui dende as nove da mañá, cos patinadores e patinadoras das diferentes escolas, que tras cambiarse no pavillón do CEIP Nº2, iniciaron os seus adestramentos na pista do pavillón municipal. Os nenos e nenas participantes, entre adestramento e a demostración, puideron gozar dos castelos inchables que a Deputación de Pontevedra instalou nas pistas do colexio número dous.
A partir das tres da tarde as portas do pavillón deportivo municipal tudense abriron ao público, enchéndose en poucos minutos, momento en que os diferentes grupos das escolas deportivas empezaron as súas coreografías, acompañadas dos aplausos e os ánimos dos pais, nais e familiares dos participantes.
O Concello de Tui agradece á Deputación de Pontevedra a realización deste evento na nosa cidade por segundo ano consecutivo, así como felicita a tódolos integrantes do Club Ribex de Tui e á Federación Galega de Patinaxe pola perfecta organización e coordinación deste evento que reuniu en Tui a máis de 2.500 persoas, así como a tódolos pais e nais dos nenos e nenas participantes que traballaron como voluntarios coas diferentes escolas deportivas.
A tempada 2014-2015 das Escolas Deportivas de Patinaxe da Deputación de Pontevedra comezarán novamente no próximo mes de outubro, facendo as inscricións a partir do mes de setembro, e esperando volver a repetir o éxito de participación deste ano, sendo a escola dirixida polo Concello de Tui coa coordinación do Club Ribex, a máis numerosa da provincia, con máis de 160 participantes.
Sem comentários:
Enviar um comentário