Mañá sábado, ás 20:30h, terá lugar no claustro da Catedral de Tui o concerto do grupo Meendinho, encargados de abrir o programa Monumenta de posta en valor do patrimonio cultural galego que a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria organiza por segundo ano consecutivo.
O programa Monumenta é un ciclo que ten coma obxectivo a posta en valor dos espazos arquitectónicos situados maioritariamente en áreas rurais nos que se están a realizar ou se levaron a cabo recentemente intervencións de resturación sobre o patrimonio. Persegue unha maior implicación da propia cidadanía na conservación e aprecio dos seus bens patrimoniais a través de obradoiros sobre restauración e propostas lúdicas e de aprendizaxe ás que se unen eventos musicais. Así, previa ao concerto do grupo Meendinho, ás 20h, terá lugar a presentación dos traballos realizados polos centros educativos CEIP Plurilingüe Nº1, CEIP Rebordáns e CEIP Plurilingüe de Guillarei.
O grupo Meendinho foi fundado pola cantante e musicóloga polaca Paula Ceremuzynska e as súas letras están basadas na lírica galego-portuguesa, concretamente nas cantigas de amor e de amigo, de ahí o seu nome de homenaxe a Meendinho. Paula Ceremuzynska, a voz da agrupación, estudou musicoloxía en Varsovia e música medieval na Universidade Sorbona de París, e na actualidade reside gran parte do ano en Galicia.
Tui convértese na encargada de abrir este programa de actividades lúdicas e musicais de valoración do patrimonio arquitectónico galego co claustro da Catedral de Santa María coma escenario. A seguinte cita do prgrama Monumenta será o domingo, 8 de xuño, na igrexa de Santa María Magdalena de Sarria.
Sem comentários:
Enviar um comentário