O próximo domingo 8 de xuño celebrarase a III Eurocidade 10 organizada polo Club Atletismo Tui-Thermalia e a Eurocidade Tui-Valença. A proba, que este ano forma parte do “Tour Running Rías Baixas” da Deputación de Pontevedra, agarda chegar este ano aos 800 deportistas.
O Paseo da Corredoira será o lugar de saída e meta desta proba na que os corredores terán que completar unha distancia de 10 mil metros entre Tui e Valença pasando pola vella Ponte Internacional, as murallas de Valença e o Conxunto Histórico de Tui.
Ás 11h da mañá terá lugar a saída para todas as categorías, junior/promesa, senior e veteranos a e b. A entrega de premios está prevista para ás 14h.
Hoxe tivo lugar a presentación no Salón de Plenos do Concello de Tui coa presenza do alcalde de Tui Moisés Rodríguez, o presidente da Cámara de Valença, Jorge Mendes, a deputada provincial Begoña Estévez, o concelleiro de Deportes, Nicolás Lorenzo, o vereador de Deportes de Valença, José Monte, o directivo do Club Atletismo Tui-Thermalia, Justi Peixoto, a madriña do evento a atleta, Solange Pereira, e o atleta Víctor Riobó.
O alcalde de Tui, Moisés Rodríguez, incidiu na importancia de continuar a promover o deporte e os hábitos saudables, salientando que no caso da Eurocidade 10 falamos dunha proba deportiva con todos os elementos e cun marco perfecto. Avanzou tamén a súa participación no evento o próximo mes de xuño. Ao tempo amosou o seu agradecemento ao apoio recibido da Deputación incluíndo a carreira no “Tour Running Rías Baixas” o que dicía terá efecto multiplicador.
O presidente da Cámara de Valença, Jorge Mendes, fixo fincapé na colaboración conxunta das dúas cidades por avanzar na promoción da Eurocidade, xa que, nas súas palabras “a Eurocidade non é unha institución, senón unha forma diferente de traballar cooperando”. Tamén aludiu á organización que se teñen involucrado de forma apaixonada para que este evento sexa un éxito.
A deputada provincial, Begoña Estévez, lembrou que dende a Deputación apostan por fomentar o deporte con dúas novas iniciativas coma son os “Sendeiros Rías Baixas” e o “Tour Running Rías Baixas”, formando parte deste último a Eurocidade 10. Explicou amais que aproveitando o paso da Volta Cicilista España de novo pola provincia decidiron vincular estas probas coa Volta, de xeito que os participantes sumarán os tempos en cada carreira outorgando ao gañador o maillot de líder do mesmo xeito que se fai na proba ciclista.
Sem comentários:
Enviar um comentário