Un centenar de deportistas galegos e portugueses, con idades entre os 9 e os 14 anos, daranse cita esta fin de semana en Tui para participar na cuarta competición da Liga Galega de Promoción de Slalom – Trofeo Eurocidade que se vai celebrar na Praia da Mariña en pleno casco urbano.
A presentación desta competición celebrouse esta mañá na Casa do Concello por parte do alcalde de Tui, Moisés Rodríguez, o concelleiro de Deportes, Nicolás Lorenzo, o seleccionador de slalom da Federación Portuguesa de Canoagem, Manuel Freiría, e un representante do Club Tea, David Fernández.
O alcalde de Tui, Moisés Rodríguez, destacou o excelente marco que é o río Miño e a Eurocidade para a celebración desta proba precisamente entre deportistas galegos e portugueses. Agradeceu ás federacións galega e portuguesa ter elixido Tui para esta competición coa que tamén se fomenta o deporte e a convivencia entre os deportistas. Animaba a achegarse este domingo ao río a gozar desta espectacular proba.
O concelleiro de Deportes, Nicolás Lorenzo, afirmou que “Tui é unha cidade envorcada co deporte” sinalando que o calendario deportivo establecido con citas todas as fins de semana “é un atractivo turístico máis”. Nese senso aludiu ao efecto multiplicador que teñen estas probas deportivas xa que os deportistas veñen acompañados das súas familias coa boa repercusión que iso ten para o comercio e a hostalería local.
Manuel Freiría, seleccionador de slalom da Federación Portuguesa de Canoagem, explicou que participarán nesta competición 12 clubs galegos e portugueses que puntuarán tanto para a Copa Galega de Promoción como para o Circuíto Nacional Portugués. O circuíto que medirá entorno a 100 metros estarán fronte á Praia da Mariña onde os padeeiros terán que realizar, contrareloxo sen rivalidade directa, unha serie de manobras de habilidade para pasar polas portas establecidas coma balizas. Lembraba que esta disciplina é olímpica. Explicaba amais Manuel Freiría coma a Eurocidade é o lugar idóneo para celebrar esta proba tanto pola súa situación, polas boas instalacións deportivas coma por contar co apoio municipal.
A cuarta competición da Liga Galega de Promoción comezará o domingo ás 11h no circuíto establecido a carón da Praia da Mariña entre o porto deportivo e a ribeira do Miño. A entrega de premios está prevista para ás 14.30h.
Sem comentários:
Enviar um comentário