Máis de 2.000 peregrinos partiron desde Tui no primeiro cuadrimestre de 2014
Máis de 2.000 peregrinos escolleron Tui como punto de inicio do Camiño de Santiago no primeiro cuadrimestre do presente ano, o que supón unha media de 500 camiñantes por mes. Esta cifra supón un incremento de máis de 300 persoas en relación ao mesmo período do ano anterior.
Segundo os datos fornecidos pola Oficina de Acollida do Peregrino en Santiago, o número de peregrinos que partiron desde a nosa cidade aumentou este ano nos meses de xaneiro e abril en relación ao ano anterior, cuantificándose estes en 46 e 956 respectivamente a pesar das condicións meteorolóxicas adversas rexistradas este ano. O mes de maio deste ano rexistrou tamén unha suba sendo o total de camiñantes de 972.
No que se refire ao conxunto da Eurocidade, o número de camiñantes que partiron dentro das dúas localidades foi de máis de 3.300, datos que superan novamente aos do ano anterior en 400 persoas. Isto sitúa a Eurocidade Tui-Valença no posto número tres en relación ao punto de inicio elixido polos peregrinos para comezar o camiño cara Santiago, só por detrás de Sarria e Saint Jean Pied de Port.
Convértese así a Eurocidade nun punto estratéxico do camiño que impulsa a promoción turística ao ser porta de entrada do camiño Portugués a Galicia, camiño que se converteu no segundo máis percorrido de tódolos diferentes camiños, por detrás só do Camiño Francés .
Sem comentários:
Enviar um comentário