Grazas ao convenio asinado entre a Deputación de Pontevedra e a fundación INCYDE, o vindeiro 9 de xuño comezará en Tui un curso de Creación e Consolidación de Empresas e Autoemprego dirixido a pequenos e medianos emprendedores que teñan a idea de por en marcha un negocio ou ben se atopen nos primeiros anos do seu proxecto empresarial.
As etapas iniciais das empresas son vitais xa que segundo as estatísticas, os maiores porcentaxes de fracaso empresarial derívanse da falta de formación, polo que este curso baséase nunha atención personalizado cos alumnos mediante titorías semanais.
Hoxe tivo lugar a presentación desta actividade formativa no Concello de Tui a cargo do alcalde e deputado provincial, Moisés Rodríguez, e do director de proxectos da fundación INCYDE e director do curso que se impartirá en Tui, Franco Cozzolino.
O director do programa salientou a metodoloxía personalizada do curso, con titorías semanais levadas a cabo polos docentes especialistas do curso a partir das cales, ao remate da formación, serán entregadas en forma de informe aos alumnos as valoracións dos profesionais con recomendacións para os proxectos de cada alumno.
Pola súa banda, o alcalde e deputado provincial, Moisés Rodríguez lembrou a próxima creación dun viveiro de empresas de Randufe, na antiga Escola de Chans restaurada recentemente co obxectivo de ofrecer un espazo para instalación de novas empresas sen custe de aluguer ningún, o que complementa o obxectivo deste curso de outorgar axuda e orientación aos que se inician no mundo do emprendemento.
A formación, cunha duración total de dous meses, estrutúrase en módulos específicos semanais coma Marketing, Finanzas, Novas Tecnoloxías ou Medio Ambiente. O programa é gratuíto e o número de prazas limítase, por este carácter, ás 20 persoas.
Os interesados poden solicitar a súa participación no Concello de Tui coa achega da idea do seu proxecto. O criterio de valoración será, en palabras do director do programa Franco Cozzolino, a ilusión, a viabilidade do proxecto e a xeración de emprego que suporá a consecución dese obxecto empresarial.
Sem comentários:
Enviar um comentário