Deportistas tudense volveron realizar unha brillante actuación esta fin de semana en piragüismo, atletismo e remo en probas de carácter europeo, nacional e galego.
Por unha banda en Piestany, Eslovaquia, disputouse o Campionato de Europa de Maratón de Piragüismo no que padeeiros do Kaiak Tudense lograron dúas medallas de ouro, unha prata e un cuarto posto. O sábado Iván Alonso en k1 foi medalla de prata, tras a penalización de cinco segundos, que o baixou un peldaño do podio xa que fóra o primeiro en cruzar a liña de meta. O domingo xunto a Emilio Merchán en k2 revalidou o título de Campión de Europa. Tamén o domingo o c2 de Óscar Graña e Ramón Ferro lograba o título europeo. Por último nesta competición Manuel Garrido, en c1 senior, foi cuarto en cruzar a liña de meta ao quedar descolgado do grupo de cabeza no último porteo.
Por outra parte no Campionato de España de Triatlón de Media Distancia a vitoria foi para os tudenses Gustavo Rodríguez e Aida Valiño que subiron ao máis alto do podio de Buitrago na categoría masculina e feminina respectivamente. Tamén en atletismo podio para as tudenses Leticia Fernández e Uxía Pérez que foron prata e bronce respectivamente no Campionato Galego Absoluto de Pista ao Aire Libre.
Tamén boa actuación a realizada polos clubs Remo Tui e Remo do Miño no Campionato Galego de Remo Olímpico celebrado en Castrelo de Miño con varias medallas de ouro, prata e bronce, demostrando o gran estado de forma que presentan de forma previa a súa participación esta próxima fin de semana no Campionato de España que se celebrará en Banyoles en Girona.
Dende o Concello de Tui desexan felicitar a todos estes deportistas polos éxitos acadados na fin de semana. Anuncian amais que nuns días terá lugar a recepción oficial aos padeeiros do Kaiak Tudense participantes no Campionato de Europa, así coma a Gustavo Rodríguez e Aida Valiño tras o título nacional logrado na fin de semana, e o décimo posto de Gustavo Rodríguez no Mundial. Tamén serán recibidos os remeiros Jesús González e Sergio Pérez que lograron a cuarta praza no europeo de remo.
Por outra parte dende o Concello de Tui desexan moita sorte aos Club Remo Tui e Club Remo do Miño de cara ao próximo Campionato de España.
Sem comentários:
Enviar um comentário