Catro medallas de ouro, unha de prata, dous cuartos postos e un quinto é o balanzo logrado nas últimas semanas por nove deportistas tudenses en piragüismo, remo e atletismo.
O padeeiro do Kaiak Tudense Iván Alonso logrou dobre medalla no Campionato Europeo de Maratón en Eslovaquia, a de ouro en k2 xunto a Emilio Merchán, e a de prata en k1. Na mesma competición Óscar Graña e Ramón Ferro, tamén do Kaiak Tudense, lograron outra medalla de ouro en c2, mentres o seu compañeiro de club Manuel Garrido foi 4º no c1. En remo Jesús González e Sergio Pérez, do Remo Tui, ocuparon o cuarto posto no Campionato de Europa. En atletismo Aida Valiño e Gustavo Rodríguez se proclamaron na fin de semana Campións de España de Triatlón de Media distancia na categoría feminina e masculina respectivamente, e amais Gustavo Rodríguez foi décimo no Mundial de Triatlón. A estes resultados hai que sumar o quinto posto logrado pola xove atleta Uxía Pérez nos Traid europeos clasificatorios paras Olimpíadas Xuvenís en 3 mil metros. Todos eles foron recibidos na tarde de onte na Casa do Concello de Tui.
Nesa recepción o alcalde de Tui, Moisés Rodríguez, manifestou que “o Concello e eu en particular quero seguir comprometéndome e apostando polo deporte”. O rexedor dirixíndose ao deportistas recoñeceu que a práctica deportiva a alto nivel que realizan “ten unha factura tanto económica coma persoal” engadindo que “os resultados son un orgullo para todos os tudenses”. Nunha nova ocasión Moisés Rodríguez lembrou o obxectivo fixado de promocionar a práctica deportiva e unha vida saudable para a que se levan a cabo distintas iniciativas ao longo do ano.E dirixíndose aos deportistas lembrou que son o espello no que se miran as novas xeracións.
O concelleiro de Deportes, Nicolás Lorenzo, lamentou que os deportistas se teñan que estar pagando o do seu peto as viaxes para poder competir. Nese senso aludiu ao compromiso do concello con eles ao través das Becas Deportivas que agardan poder seguir incrementando. Agradeceu o edil o seu esforzo aos deportistas así coma as súas familias e clubs o apoio que lles brindan. Aproveitou amais para desexar sorte os clubs de remo nos Campionatos de España desta fin de semana, e aos membros do Kaiak Tudense nas próximas cita competitivas internacional que teñen en pista.
Sem comentários:
Enviar um comentário