quarta-feira, 9 de setembro de 2015

Máis de 100 ciclistas daranse cita este sábado no I Circuíto 12 horas BTT Cidade de Tui

O monte Aloia, no concello de Tui, acolle este sábado a primeira edición do Circuíto 12 Horas BTT Cidade de Tui, na que se darán cita máis de 100 participantes. Trátase dunha disciplina de fondo federada e adaptada para ciclistas maiores de 15 anos, tanto en categoría masculina como feminina, que se disputará entre as 09:30 h. e as 21:30 h.
O "I Circuíto 12 horas BTT Cidade de Tui", que foi presentado hoxe, está organizado polo Club MTB Aloia, en colaboración co Concello de Tui e a Federación Galega de Ciclismo. Á presentación acudiu o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, o concelleiro de deportes de Tui, Laureano Alonso, o presidente do club MTB Aloia, José Carlos Vila, o director deportivo da proba, Diego Blanco, así como o ex-ciclista profesional, Ezequiel Mosquera.
O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, expresou o compromiso do Concello de apoiar este evento referente, do que asegurou que se farán máis edicións. O rexedor tamén quixo resaltar o carácter multidisciplinar da proba, que servirá para promocionar a cidade, ademais doutros puntos, como Pazos de Reis ou Frinxo.
O concelleiro de deportes, Laureano Alonso, explicou que para o Concello supón unha alegría presentar este circuíto, debido tanto ó seu carácter novidoso como á súa dificultade, dado que os ciclistas correrán ó longo de 12 horas.
O director deportivo da proba, Diego Blanco, deu conta de que o circuíto terá a súa sede na Macoca e nel poderán participar ciclistas a nivel individual, que percorrerán 140 quilómetros, ou ben facelo en equipos de 2, cunha distancia de 80 quilómetros, de 3, 60 quilómetros ou 4 membros, de 40.
Dende a organización dan conta que o circuíto está preparado para que participe todo tipo de público, e resultarán gañadores os que dean un maior número de voltas, de 8 quilómetros cada unha. Os dorsais daranse de 8 a 9 da mañá. Haberá agasallos para os gañadores de cada categoría e avituallamento.
O ex-ciclista Ezequiel Mosquera deu conta que ademais da parte competitiva, esta proba ciclista ten un compoñente de convivencia, e aquí é onde radica o éxito deste tipo de probas que se están popularizando.
As inscricións estarán abertas a calquera corredor, sexa federado ou non, ata mañá xoves día 10. O prezo para federados é de 15 euros, os non federados pagarán 20 e as mulleres teñen a inscrición de balde, co gallo de fomentar a súa participación.
O club organizador, MTB Aloia, ultima detalles para que este sábado, tanto os participantes como a comarca de Tui desfruten da gran cita, na que ademais de practicar deporte se poderá visitar a primeira Feira de Antigüidades que contará con máis dunha vintena de expositores.

Sem comentários:

Enviar um comentário