Hai tempo, cando publicara fascinado no blog a localización e o enigma da enorme muralla de Castro Valente, Xenome envioume rapidamente un grupo de flickr de fotografías e un completo mapa de Google Maps doutro lugar que a el lle recordara o Castro Valente do que acababa de falar: a muralla “ciclopea” do Monte Aloia. Quedei intrigadísimo co lugar, así que aproveitamos para visitar as ruínas, que están nun parque natural situado nas proximidades de Tui [localización], esta fin de semana.
Só había un problema: a brétema. Espesa, contundente, impenetrable coma na foto. Na nosa procura polo bosque, a brétema fíxonos perder, toleunos arriba e abaixo, pero tamén creaba unha atmósfera máxica no solitario parque natural, entre as grandes bolas de granito, os piñeiros, os carballos e o carrizo. Localizamos a muralla, aínda que por veces tamén a perdimos, cegos de orientación na espesura da néboa. En canto comezamos a andar por ela, decateime con abraio. Era moi similar á de Castro Valente na súa confección: uns dous metros de ancho, grandes bloques de cachote e a construción serpeando pola zona alta dun monte, recollendo no seu interior mananciais pero aproveitando a disposición dos penedos para integralos na muralla e aforrar custes de construción. A diferencia, no pouco que puiden ver, se cadra estaba nos peculiares e mínimos torreóns semicirculares da de Castro Valente, que aquí non aparecen (aínda que se fala -eu non os vin- dalgunhas construcións grandes na muralla).
A muralla é enorme no seu tamaño e eu volvo con moitas máis preguntas das que levaba aló. Hai quen fala de 3200 metros de lonxitude, todo ao redor da cima do monte Aloia. Sería a segunda muralla conservada máis grande de Galicia, despois da de Lugo, que non é pouco. E aquí vén a historia. ¿Que gardaba no seu interior? As penedías acochan unha área de 30 hectáreas ou máis, nos que hai unha curiosa capela de San Xián consagrada a un suposto eremita do monte. Tamén está, próxima, a Cama de San Xulián, unha pedra cunha cavidade na base e plana na zona superior. Un universo de significados e símbolos superpostos durante séculos.
Historicamente o monte Aloia refuxiou ás xentes da comarca da Tui das numerosas invasións que viviron, pero ¿quen podía defender un perímetro de 3200 metros? Xa volo contesto eu: ninguén. Eu creo que non houbo ningún exército en Galicia con capacidade para artellar unha defensa nunha muralla de tres quilómetros. ¿Entón para que valía?¿De que época é? Polas súas dimensións, parece que non é castrexa. Algunha xente avanza que podería ser tardorromana ou altomedieval. ¿Algo máis? Nada máis.
Non podo deixar de pensar nunha curiosa coincidencia. Castro Valente está nas proximidades de Iria Flavia, un importante enclave romano e do adxacente porto de Cesuris; o Monte Aloia sobre Tide, outro destacada urbe romana con porto. E en ámbolos dous casos temos dous dos xacementos máis enigmáticos e espectaculares de Galicia. Murallas de pedra que cercan extensións enormes, que non parecen interesar demasiado aos arqueólogos nin historiadores deste país, que viven enganchados en microparcelas de coñecemento (eu, Idade do Ferro, ti, mundo romano, el, Idade Media como historiador, leo papeis pero non fago traballo de campo) que impiden que se estuden estes recintos de xeito rigoroso. Estes lugares viven no lumpen da investigación.
Hoxe, cando percorriamos entre a brétema estas enormes murallas, seguindo o seu percurso nun bosque pechado, entre grandes penedías, convencíame de algo a min mesmo: que gran historia hai aquí detrás, que gran historia que descoñecemos. Pero tamén me facía unha pregunta na que procurarei pensar: haberá en Galicia máis recintos enormes como Castro Valente e o Monte Aloia?
in Capitulo Cero
Sem comentários:
Enviar um comentário